BNG urxe ao Goberno para repatriar a galegas e galegos atrapados no estranxeiro pola COVID-19

Néstor Rego, deputado nacionalista no Congreso, asegura que hai casos de "persoas enfermas, familias separadas e embarazadas”.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso (Europa Press)
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso (Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, urxiu ao Goberno do Estado para repatriar ás galegas e galegos que se atopen atrapadas no estranxeiro como consecuencia das restricións da pandemia da COVID-19.

A través dun comunicado, Rego relata que recibiu esta semana mensaxes alertando desta situación de persoas que se atopan "illadas en diferentes países, sen que a embaixada española lles preste auxilio".

Por iso, o deputado nacionalista pide ao Estado que "facilite os medios oportunos" e " interceda" diante os gobernos deses países para que  poidan ser repatriadas. Segundo asegura Rego, entre as atrapadas hai "persoas enfermas, familias separadas, embarazadas e moita xente que pode perder o seu emprego se non volve canto antes".

Para Rego "é deber do Goberno central e do Ministerio de Asuntos Exteriores axudar a estas galegas e galegos que se atopen en estado de necesidade no estranxeiro e que deben colaborar e facilitar os medios e recursos que posibiliten o seu retorno salvagardando así a súa seguridade".

Comentarios