O BNG traslada ao portavoz para Europa da FPLP a súa solidariedade con Palestina

A deputada e vicepresidenta segunda do Parlamento, Montserrat Prado, transmite a Fayez Badawi o compromiso do Bloque para esixir a intervención internacional e deter os ataques sistemáticos de Israel.  

foto Montserrat Prado - Fayez Badawi
photo_camera Montserrat Prado e Fayez Badawi nunha imaxe da xuntanza no Parlamento.

A deputada nacionalista e vicepresidenta segunda do Parlamento galego, Montserrat Prado, trasladou ao delegado para Europa da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), Fayez Badawi, "a solidaridade do BNG co pobo palestino, diante da barbarie e o xenocidio que sofre a mans de Israel e ante o silencio cómplice da comunidade internacional, incluído o Estado español".

Prado recibiu Badawi na Cámara galega onde tamén lle transmitiu "a máis enérxica condena" do BNG ás agresións israelís en Xerusalén, así como aos bombardeos militares sobre Gaza, "ataques indiscriminados -advertiu- contra a poboación civil que provocaron a morte de decenas de palestinos e palestinas, entre eles nenos e nenas, e contra servizos básicos, como a electricidade ou as comunicacións, e infraestruturas como hospitais ou escolas, que teñen por obxectivo converter nun inferno a vida na Faixa de Gaza".

Prado reafirmou o compromiso do BNG de denuncia desta situación e de demandar a intervención das institucións internacionais, comezando pola UE e o Estado español

Neste sentido, Badawi explicou durante o encontro a grave situación que está vivindo o pobo palestino e as consecuencias das últimas agresións, así como a fonda preocupación polos constantes ataques e intimidacións contra as e os residentes palestinos en Xerusalén Este por parte das autoridades israelís e os colonos e, en concreto, os intentos destes últimos de desaloxar ás familias do barrio de Sheikh Jarrah, como parte da súa campaña continua de limpeza étnica. 

Neste contexto, Prado reafirmou o compromiso do BNG de denuncia desta situación e de demandar a intervención das institucións internacionais, comezando pola UE e o Estado español.

"A comunidade internacional ten que deixar de ser cómplice de Israel e actuar para poñer fin á ocupación e camiñar cara ao establecemento dun Estado independente, dentro das fronteiras recoñecidas tal e como estaban o 4 de xuño de 1967, e co dereito ao retorno de todos os refuxiados palestinos, de acordo coas resolucións da ONU", concluíu.  

Comentarios