'O PARLAMENTO é DO POBO'

O BNG convocou un 'pleno alternativo' para tirar a mordaza ao Parlamento

Un ‘pleno alternativo’ a pé da Cámara do Hórreo dá voz a representantes de 35 colectivos sociais para denunciar o ‘amordazamento’ e para reivindicar un Parlamento soberano e ao servizo d@s galeg@s. Vídeo no interior

“O Parlamento tiña que ser a nosa casa, mais téñena secuestrada”. Manuel, de Ferrol, está aos pés da Cámara do Hórreo para falar da difícil situación que sofre “a clase traballadora”. Aos pés do Parlamento, non dentro, porque a súa denuncia de precariedade, empobrecemento, temporalidade... non foi escoitada no plenario da Cámara lexislativa, senón no ‘pleno alternativo’ que organizou o BNG. Manuel era unha das 35 voces -en representación de 35 plataformas e colectivos sociais- que tomaron parte neste acto. Con eles, @s 7 deputad@s do BNG, que non asistiron á sesión 'oficial'.

O ‘pleno alternativo’ decorreu no Parque da Constitución, un espazo ao ar libre ás costas do Parlamento galego. O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, xustificou a razón da súa convocatoria na decisión do PP de ‘amordazar’ a oposición, e nomeadamente o Bloque. “Son recortes que atentan contra a cidadanía galega e os seus dereitos”, dixo, dentro dunha aposta en “anular o Parlamento e recortar liberdades”. Para se revoltar contra esa mordaza, @s nacionalistas convocaron un pleno alternativo baixo a chamada ‘O Parlamento galego é do pobo’. Unha sesión na que foron tomando a palabra xentes de diferentes comarcas, implicadas en diferentes loitas, enfrontándose a problemáticas diversas, constituíndose como un ‘parlamento soberano’. “Pedimos a fin de todas as mordazas que nos queren impor, na rúa e no Parlamento”, pediu Jorquera, antes de que a deputada nacionalista Tereixa Paz -exercendo de presidenta do ‘pleno’- dese por aberta a sesión.

“Existimos”

Ao longo de catro horas foron tomando a palabra representantes de 35 colectivos cuxas voces e problemáticas fan parte desa Galiza real, do día a día, que non figura nas notas oficiais da Xunta. Voces que, como sinalan desde o BNG, “molestan por discrepantes” ao poder e por iso quere “amordazar” os seus representantes.

Emigrantes mozas que reclaman un futuro na Terra, retornados non tan mozos que non se renden, preferentistas que resisten contra multas e sancións, mariñeiros, defensores da sanidade pública, mulleres que loitan para que ninguén ordene sobre o seu corpo, valedores dun ensino non sometido a criterios de mercado, traballadores que reaxen e se arrepoñen contra a precarización, activistas contra os despexos e polo dereito á vivenda, protectores do patrimonio... O ‘pleno alternativo’ quixo ser exemplo de “non nos calarán”, un “existimos”, perante o silanciamento e indiferenza do goberno face as voces de todos estes colectivos.

“Por e para o pobo”

Marga Corral denunciou a precariedade laboral e o empobrecemento que, a cada máis, marcan o mercado laboral feminino. Denunciou como as mulleres seguen a sofrer discriminación salarial ou como a emigración levou de Galiza desde o 2007 máis de 92.000 mulleres entre 15 e 34 anos. E reclamou: “Que o Parlamento Galego sexa o Parlamento do Pobo. Por e para o pobo”. Pouco antes tomara a palabra Daviña Rubinos, unha moza que denunciou o “suicidio xeracional” que padece o país por mor da emigración. “Non marchamos, bótannos”, declarou.

As voces foron encadeándose unha tras outra, a construír un relato colectivo dun país afastado de calquera tentación de resignación e conformismo. Xosé Ribadomar explicou a loita que manteñen os veciños do Salnés por unha ambulancia medicalizada. Unha simple ambulancia que, porén, significaría salvar vidas. E Lucía Carreira emocionou contando como, contra vento e maré, tentaban resistir en Aspana Termal malia o abandono da Xunta dun centro con traballadores con discapacidade intelectual.

Domitila e os aplausos

Até o lugar do ‘pleno’ achegábanse veciños. Uns para escoitar, outros para asentir coa cabeza e outros simplemente para botar un pedazo rato mirando. A presenza de Domitila, preferentista de 82 anos denunciada pola Garda Civil, arrancou aplausos, que emocionaron a esta muller loitadora. Non foi a única. Falou Teresa García, muller armadora do cerco, que preguntou a quen defendían en Bruxelas os gobernantes galegos, pois as cotas e topes impostos a este sector do mar implicaban “que só poidamos traballar 3 meses ao ano”. Tamén do mar falaron os ‘xeiteiros’, que por boca de Xermán denunciaron que o cupo fixado para 2015 (200 toneladas de sardiña), repartido entre as 427 embarcacións con licenza para pescar con este aparello daba un resultado para sacar o hipo: cada barco pode pescar un quilo e medio de sardiña ao día. “Hai que rir xa non por non chorar, hai que rir por non matar alguén”, rosmaba un asistente polo baixo ao escoitar a cifra do reparto.

As voces sucedíanse no ‘pleno alternativo’. Anxo Noceda denunciaba os despexos e desafiuzamentos que se perpetran no Estado mentres as entidades bancarias seguían a aumentar a súa conta de beneficios após ser rescatadas cos cartos de tod@s. Anxo Louzao defendeu o ensino público, galego e de calidade fronte á estratexia de demolición do Partido Popular, que ía converter a educación nun privilexio. Miguel Corredoira lembrou, pola súa parte, a ILP que reuniu 45.000 sinaturas para dotar o Hospital Lucus Augusti de Lugo de servizo e material e que “foi desvirtuada polo PP”. E denunciou, máis unha vez, que os recortes matan: “En Lugo temos un 45% máis de mortalidade a 30 días dun infarto que na Coruña e Santiago”.

“Os que nos gobernan saben ben que a forza dos pobos é poderosa. Por iso tentan silenciarnos”, afirmou o BNG. Contra ese silenciamento, @s nacionalistas ergueron un 'pleno alternativo' con esas voces 'poderosas'.

Comentarios