De Youtube a Spotify

O BNG pon ritmo á campaña

“É o momento” é o título do videoclip que o BNG vén de lanzar nas redes para chamar ao voto o 28 de abril. Rock, rap e toques tradicionais reforzan a aposta política do Bloque pola promoción da creación e a defensa da cultura galega.

Captura de pantalla 2019-04-22 a las 15.54.06
photo_camera O novo videoclip do BNG titúlase "É o momento"

Baixo o título “É o momento” o videoclip lanzado polo BNG con motivo da campaña electoral das xerais busca “transmitir orgullo e esperanza, a idea de sumar para abrir un tempo novo para Galiza e recuperar a voz”, afirma o coordinador de comunicación do Bloque, Xavier Campos.

“A historia marca o momento” di a letra ao inicio do tema musical, en sintonía co lema da campaña nacionalista “Agora Galiza”. Campos salienta ademais que este videoclip afonda na liña de comunicación do BNG de querer promover a creatividade galega e a cultura como un dos elementos da súa identidade.

A idea partiu da organización política, e pedíronlle a Xavi Castro, do grupo Raiba, a letra e a composición. “Queríamos un tema coral, que transmitise diversidade de voces e pluralidade”, comenta Campos. Contaron así co grupo Raiba e Alto Asalto, e coas colaboracións de Lucía da Fonte, Zaraida Moreno e Lucía Cesar Veloso, quen ademais encabeza a candidatura do BNG no concello de Vilagarcía. Xiana Naval, María Jorge e Borja G. Paz colaboraron tamén na peza musical.

O BNG xa conta cunha lista de spotify para as xerais

Nuno Pico, voz do grupo Oh! Ayatollah e o DJ Brais Pedreira propuxeron ao BNG realizar unha lista de Spotify cunha chea de temas de grupos galegos para difundir na plataforma musical a creación artística na Galiza.

A lista conta con 106 temas en galego e con gran diversidade de estilos

Nuno conta que a idea naceu falando con Brais a raíz da lista de reprodución que lanzou o PSOE en Spotify, e pensaron que sería boa idea facer unha playlist na mesma plataforma con temas en galego para a campaña electoral do BNG. Así que rapidamente se puxeron en contacto coa organización nacionalista para formularlles a proposta, que foi recibida con grande entusiasmo.

A lista conta con 106 temas en galego e con gran diversidade de estilos, indo desde as clásicas cancións das verbenas até a artistas coma Guadi Galego, Xabier Díaz, Os Resentidos, Pucho Boedo, Labregos nos tempos dos sputniks, Ana Kiro ou Lamatumbá.

Comentarios