O BNG suspende os actos de campaña e exixe explicacións polo asasinato machista

[ACTUALIZADA ÁS 18.37]. A organización frontista suspendeu a campaña electoral esta sexta feira en repulsa polo feminicidio de María Isabel Fuentes.

terrorismo machista

O Bloque cesou a súa actividade de campaña en todas as cidades, vilas e localidades do país após o feminicidio de María Isabel Fuentes. e sumouse ás convocatorias lanzadas polo movemento feminista en repulsa polo crime machista. 

Aliás, a voceira de Igualdade do BNG no Parlamento galego, Carme Adán, exixiu a comparecencia "urxente" do vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que dea explicacións a respeito do asasinato machista de María Isabel Fuentes no CHUOU. 

A organización frontista insta a esclarecer as razóns polas que non foron adoptadas medidas no hospital malia existiren indicios dunha agresión anterior. 

A Marea de Vigo tamén suspendeu o acto previsto para este serán que congregaría ao candidato á alcaldía, Rubén Pérez, e a europarlamentar de AGE, Lidia Senra. 

Pola súa banda, desde Ourense en común non suspenderon os actos de campaña e emitiron un comunicado público no que sinalan que continuarán "loitando e reivindicando na rúa para que a violencia machista sexa eliminada da nosa sociedade". 

Porén, na xornada de mañá (9 de maio) si que cancelarán a súa actividade política a partir das 19.30h para acudir ás concentracións convocadas polo movemento feminista. 

No comunicado amosan a súa "repulsa" polo asasinato de María Isabel Fuentes e recollen a batería de propostas que integran no programa electoral na loita contra a violencia machista. 

Ás 18:35 horas, un comunicado de Anova Ourense através da súa conta twitter noticiaba que esta formación política tamén suspende a súa campaña esta sexta feira na cidade das burgas.

Concentracións
Desde a Marcha Mundial das Mulleres convocan senllas concentracións o sábado 9 de maio ás 20h en:

  • Ourense. Acarón da estatua da castañeira. Subdelegación do Goberno.
  • Vigo. Perante o Museo MARCO.
  • Ferrol. Praza do Concello.
  • Compostela. Porta do Camiño.
  • Pontevedra. Praza 8 de marzo. 
  • A Mariña. Fronte a Casa do Concello de Foz.

Asemade, terán lugar mobilizacións na segunda feira noutras vilas e cidades do país, como A Coruña, que será no Obelisco (20h). 

Comentarios