O BNG solicita axudas directas polo lume no polígono de Lugo

O incendio arrasou seis naves o domingo pasado. Nunha visita, Ana Pontón solicita axudas directas para protexer os 100 postos de traballo en risco se non se actúa a tempo.
Ana Pontón na visita ao polígono do Ceao, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón na visita ao polígono do Ceao, en Lugo. (Foto: Nós Diario)

Nunha visita con cargos do BNG de Lugo ao polígono industrial do Ceao (Lugo) esta quinta feira, 15 de abril, a líder da oposición no Parlamento e portavoz da formación nacionalista, Ana Pontón, exixiu á Xunta axudas directas para as seis empresas afectadas polo incendio do pasado domingo, que puxo en risco máis de 100 postos de traballo.

As lapas, que comezaron na mañá do domingo, levaron por diante seis naves industriais que aínda vixían bombeiros e policías para evitar a posibilidade dun novo lume.

“Noutro tipo de incendios, as fábricas tiveron axudas directas e é lóxico que, neste momento, esa sexa a disposición da Xunta da Galiza e do Goberno estatal”, resolveu Pontón, que lembrou que “é un dos polígonos industriais máis importantes non só de Lugo, senón tamén da Galiza”.

Pontón reiterou a necesidade de que as Administracións públicas actúen desde xa “para que se recupere a normalidade canto antes e que non se perda ningún emprego” e non “só con préstamos, senón con axudas directas”, reclamou.

Despois de reunirse con varios dos empresarios afectados, Pontón confesou que "visto en vivo dáse unha conta do grave do incendio e do perigo que houbo neste polígono", o que aproveitou para "facer un recoñecemento persoal aos que traballaron na extinción do lume, porque a súa profesionalidade fixo que se atallase o máis rápido posíbel e se evitase unha catástrofe maior".

Sobre as causas do incendio, Pontón chamou a agardar ao final da investigación, e xa coas conclusións será o tempo de avaliar se hai que tomar algunha medida para mellorar a seguridade do traballo.

Vacinación

Pontón criticou que na Galiza se están “incumprindo os obxectivos marcados” para a vacinación, “nin sequera temos inmunizados con dúas doses dos colectivos con maior risco, que son as persoas maiores de 80 anos”, detallou.

Neste sentido, pediu que se axilice a inmunización con “menos propaganda, destinando máis recursos para que a campaña de inoculación sexa o máis eficaz posíbel”. Tamén criticou a polémica pola fin do estado de alarma, que definiu como un “debate que está intoxicado polas eleccións na Comunidade de Madrid" do 4 de maio.
 

Máis en POLÍTICA
Comentarios