Reunión co PSOE no Congreso

O BNG sitúase "moi distante" do si a Pedro Sánchez

A falta de concreción cos problemas da axenda galega distancia ao BNG de apoiar a investidura do candidato dos socialistas, Pedro Sánchez, á presidencia do Goberno do Estado. O deputado Néstor Rego rechaza os "compromisos xenéricos" e reclama "garantías" para os asuntos urxentes da Galiza.

 

Reunión 2

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, avanzou onte tras reunirse co Partido Socialista que a súa posición está "moi distante do voto afirmativo" á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado.

Rego criticou a “falta de vontade de concreción” do PSOE cos asuntos urxentes da axenda galega coa que está comprometido o BNG. “Aquí non valen boas intencións”, sinalou o deputado en Madrid, que mantivo onte a segunda reunión cos socialistas Adriana Lastra e Rafael Simancas, logo de presentarlles as cuestións que "preocupan" ao país como o incremento das peaxes na autopista AP-9, a necesidade de executar un estatuto electrointensivo que garanta o futuro desta industria na Galiza e o estabelecemento dunha tarifa eléctrica propia.

“O BNG non tería posibilidade de votar a favor dun acordo que non ten medidas e prazos determinados”, dixo Rego, que insistiu en que os “compromisos xenéricos” son unha “expresión de boa vontade política” pero que aportan “moita laxitude” á hora de seren executados.

"A concreción é unha garantía para  nós e unha obriga para eles. Precisamos isto porque temos longa experiencia de que os gobernos do Estado se esquezan da Galiza", explicou Rego após a reunión, na que tamén participou o membro da Executiva Nacional Rubén Cela. "O Goberno quere ter as mans libres e nós que os seus compromisos sexan verificábeis", resumiu.

O deputado do BNG puxo como exemplo o caso da AP-9 no que o Goberno anunciou unha serie de "descontos" mais "acaban de anunciar un incremento do 2,68% no prezo das peaxes" para 2020. "É o terceiro ano consecutivo no que a AP-9 é a autopista que máis sobe", explicou Rego, o que supón un 30% de incremento no seu coste para os usuarios nos últimos 10 anos.

PSOE e BNG teñen "vontade de continuar falando" e manterán unha terceira xuntanza, aínda sen data, na que Rego agarda obter “garantías” para solucionar os problemas da Galiza.

Rego ve na situación de Alcoa unha "emerxencia nacional"

Néstor Rego tamén se reuniu no Congreso cos traballadores e traballadoras do comité de Alcoa na súa ronda de contactos cos grupos parlamentarios. O deputado do BNG sinalou que a situación da fábrica lucense é de "emerxencia nacional" pois a directiva pode optar polo feche en calquera momento.

Así mesmo, criticou que Sánchez se comprometera a "falar cos directivos", pois na súa opinión o necesario é un marco que garanta os postos de traballo. "Pola vía da poxa non se soluciona nada, senón que se agravan os problemas", apuntou Rego, que lle pediu ás forzas políticas que conformen o novo Goberno que "actúen de maneira clara" e poñan en marcha un estatuto para as industrias electrointensivas que non perxudique o futuro do sector na Galiza "e permita á vez abaratar o prezo da luz".

Comentarios