BNG sitúa as súas propostas de resolución na “solución” aos problemas da “Galiza real”

Benestar social, emprego ou un novo estatus político para Galiza centran algunhas das 40 medidas presentadas polo grupo parlamentar nacionalista. A viceportavoz, Olalla Rodil, defende que estas propostas si atenden as necesidades de galegos e galegas fronte a un Feixoo que fala dunha “Arcadia feliz”.

FOTO OLALLA RODIL PRESENTACIÓN PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN

O aumento do autogoberno, a blindaxe dos servizos públicos e o impulso económico para facer fronte a crises como a demográfica ou industrial son tres dos eixos sobre os que pivotan as 40 propostas de resolución presentadas polo BNG esta quinta feira no debate do estado da nación.

Son, defendeu Olalla Rodil, viceportavoz parlamentar do BNG, 40 medidas dirixidas á solución dos  problemas “que viven as galegas e galegos e que o presidente da Xunta decidiu ignorar”. Porque hai “unha Galiza real e logo a Arcadia feliz de Feixoo”, indicou.

Exemplos desa ausencia de compromiso de Feixoo coa Galiza real son, dixo a parlamentar, a falta de propostas sobre un novo modelo de financiamento, medidas para acabar coa precariedade laboral ou para resolver a enorme crise industrial de Alcoa, Ferroatlántica, Isowat, As Pontes, Poligal, ou R .

Impulso económico

Neste apartado o BNG presenta propostas para un impulso industrial e feche dos ciclos produtivos no país, así como para a aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega ou un ‘Pacto pola Ciencia’.  Outra das propostas é crear unha Banca Pública ao servizo das pequenas e medianas empresas galegas semellante ás que existen noutros países europeos.

Benestar e Igualdade

Aquí as medidas das nacionalistas abordan cuestión como a blindaxe dos servizos públicos, propoñendo tamén a reversión dos recortes en Atención Primaria e as privatizacións. No ámbito educativo centran as súas propostas en aprobar unha lei galega e  suprimir os concertos co ensino privado.

Rodil tamén presentou medidas contra a violencia machista reclamando investir, como mínimo, o “1% do orzamento galego” e crear Xulgados exclusivos de violencia nas cidades".

Autogoberno

O BNG propón crear un relatorio cara a un “novo estatus político” e deseñar un novo modelo de financiamento. Tamén hai medidas dirixidas á  proxección exterior da Galiza e un  Plan de impulso de relacións económicas, políticas, lingüísticas, culturais cos países da CPLP.

Comentarios