BNG sitúa as municipais como “antesala”dun “tempo novo” para desaloxar o PP

Ana Pontón defendeu en Verín que o voto ao Bloque é votar “pola mellora da vida das persoas”. Ana Miranda afirmou que defenderá en Bruxelas a xestión directa dos fondos europeos para paliar a despoboación nos concellos de Galiza.

FOTO MITIN BNG VERIN 3

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata nacionalista ao Europarlamento, Ana Miranda, acudiron este sábado a Verín para arroupar o tenente de alcalde e candidato á Alcaldía, Diego Lourenzo, de quen destacaron o traballo que desenvolveu nestes catro anos. Fixo posíbel ““unha pequena gran revolución” neste municipio, afirmou Pontón, que entre as políticas aplicadas na vila polos nacionalistas citou a xestión pública directa dos servizos municipais (aparcamento soterrado, a zona azul, a limpeza viaria e de edificios, a lonxa e a depuradora de auga), todos eles de xestión privada “até a chegada do BNG ao goberno”.

“Onde gobernamos melloramos a vida das persoas, con concellos honestos, libres de corrupción, exemplos de democracia participativa, feministas e sustentables. Concellos dos que sentir orgullo”, manifestou a portavoz nacionalista.

Avance electoral

Mostrouse convencida do avance electoral do Bloque, que será, dixo, a antesala da apertura dun tempo novo en Galiza coa saída do PP do goberno do país. “Imos con tanta forza que o ano que ven, nas eleccións galegas imos mandar para a casa a Feixóo e ao PP”, afirmou, indicando que para iso “necesitamos encher as urnas de voto de futuro que é o voto ao Bloque”.

A candidata ao Parlamento Europeo e actual eurodeputada, Ana Miranda, salientou a importancia de que Galiza teña representación de país en Bruxelas, “para defender desde a Eurocámara e no resto das institucións da UE fondos para combater o despoboamento que afecta sobre todo ao interior deste país, agravado pola sangría da emigración de xente moza”.

Comentarios