Anuncian iniciativas na cámara

O BNG ve "abusiva" a suba de prezo na AP9 e no tren de proximidade

A viceportavoz parlamentaria Olalla Rodil denunciou esta cuarta feira dous de decembro a “abusiva subida” dos prezos das peaxes das autoestradas, trens de media distancia e AVANT. Fixo especial fincapé na situación de “estafa” da provincia de Ourense.

[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela
photo_camera [Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela

A AP-9 rexistrará este entrante ano 2019 un incremento do 3,51%, mentres que a media nas peaxes do estado español é dun 1,67%. Dende a formación nacionalista sinalan que “é inadmisible que AUDASA siga engordando os seus beneficios a costa dos milleiros de galegas e galegos que usan diariamente esta infraestrutura sen ter outra alternativa rápida e segura libre de peaxes”.

Co aumento de prezos neste ano 2019, o custo da viaxe entre Ferrol e Tui supón 21,55 euros, o que representa uns ingresos diarios superiores aos 460.000 euros.

Igualmente, Rodil denunciou a situación pola que pasa a provincia de Ourense en relación ao tren. Mentres que nos traxectos de media distancia - todos os do Eixo Atlántico- a suba aplicada por Renfe é dun 3,5%, nos trens AVANT, como é o caso do de Ourense, o aumento alcanza un 7%. Así, din, este incremento “afecta sobre todo a Ourense que xa soporta un sobrecuste no prezo en relación co Eixo Atlántico. Despois da suba, o billete do tren entre Ourense e Santiago de Compostela alcanza os 14,25 euros e a viaxe entre Ourense e A Coruña os 20,90 euros”.

Tamén se lembran do aumento aplicado as autoestradas xestionadas pola Xunta, AG-55 e AG-57, que este xaneiro incrementan o seu custe un 2,15%, de tal xeito que as viaxes entre a Coruña e Carballo ou o Val Miñor soben cinco céntimos o seu prezo cada unha.

Dende o grupo anunciaron que levarán o tema ao Parlamento de Galiza e que presentarán iniciativas para tratar de frear estes sobrecustes en materia de transporte.

Comentarios