BNG saúda o referendo catalán e clama por un "novo marco de relacións" para as nacións sen Estado

A organización frontista emitiu un comunicado após coñecer a convocatoria oficial do referendo pola independencia en Catalunya en que amosa o seu apoio á consulta popular. 

Para o BNG a maioría parlamentar (64,4%) e social que avala a decisión institucional "non se poden ignorar" e apela ao Goberno español a "respectar a vontade do pobo catalán a decidir o seu futuro". Neste senso, instan a Mariano Rajoy a aprender do primeiro ministro inglés, David Cameron, e pactar coa Generalitat de Catalunya a celebración da consulta. 

Un cambio de rumbo

"Esta aspiración non é improvisada, senón que responde a un longo proceso que conclúe na evidente vontade de Cataluña de reformular o marco institucional de relacións co Estado español", salientan desde o Bloque, "un feito", din, "que ten de implicar, obrigatoriamente, unha mudanza no rumbo". 

Nós-UP tamén saudou a convocatoria do referendo. "Un feito histórico", din, que permitirá ao pobo catalán decidir "sen inxerencias alleas"

Así, @s nacionalistas defenden que este referendo supoña o punto de partida para a configuración dun "novo marco de relacións desde o dereito de autodeterminación" no que Galiza avance "igualmente no camiño da soberanía para resolver moitos dos problemas que están a afectar seriamente galegas e galegos".

Para o BNG, "a destrución do sector naval", "a perda de instrumentos financeiros propios e o roubo do aforro galego" ou mesmo "a ameaza ao comercio de proximidade" deveñen da falta de capacidade de decisión real do pobo galego polo que urxen "soberanía real e plena" para Galiza. 

Tamén así, desde a organización frontista denuncian "a resposta do Goberno central e dos partidos estatais maioritarios" perante o acordo alcanzado entre o Govern catalán, ERC, CUP e ICV. Unha posición, din, que apela "á constante confrontación e á procura das discrepancias" empregando a “indisolúbel unidade de España” para cortar as aspiracións do pobo catalán, "tan lexítimas como imparábeis", sentencian. 

Comentarios