Pontón desbota os “sucursalismos”

O BNG saca músculo en Rianxo e comprométese cunha Galiza de emprego e benestar

“A candidatura que confía na Galiza sen tutelas nin sucursalismos”. Esta foi a principal mensaxe que lanzou a número 1 do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, nun acto de precampaña que a formación nacionalista organizou na mañá do sábado en Rianxo.

.FOTO ANA PONTON RIANXO
photo_camera Ana Pontón, no centro

A menos dunha semana para que comece a campaña electoral dos comicios galegos, o BNG ensinou músculo nun acto que tivo lugar o sábado en Rianxo ante máis de medio milleiro de militantes e simpatizantes. A candidata do Bloque á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, insistiu na mensaxe de que “o futuro á dereita de Feijóo está na alternativa nacionalista”.

"Derrotar a dereita non chega. É preciso un cambio estrutural como o que representa o BNG, que dea solucións a Galiza de hoxe"

A número 1 do Bloque explicou que “derrotar a dereita non chega; é preciso un cambio estrutural como o que representa o BNG, que dea solucións a Galiza de hoxe”. “Após 30 anos dun Estado e dun Estatuto anémico”, no que as decisións se tomaron desde Madrid e Bruxelas, a candidata nacionalista reivindicou “máis poder político” para resolver os problemas de fondo. “Poder político para decidir na economía produtiva, para xerar emprego, elevar os salarios e as pensións, blindar os servizos públicos, recuperar a mocidade emigrada e para defender a lingua e cultura”, reivindicou.

Máis poder político

Para iso, apelou á xestión do 100% dos impostos e do aforro a través dunha facenda e dunha banca galegas: “Conseguiríamos máis recursos para crear emprego, blindar os servizos públicos e o benestar social”. Tamén reclamou competencias plenas para aplicar unha política de promoción económica “a medida dos nosos sectores produtivos, non das transnacionais, e poñer o país a producir”, así como a xestión en exclusiva dos servizos públicos ligados ao benestar, para dar cobertura ás necesidades da maioría social. Aliás, reivindicou máis poder político para impulsar os sinais de identidade como nación e como pobo: lingua, cultura, patrimonio.

A candidata do BNG chamou a aproveitar o 25S para abrir “un tempo novo que inclúa tamén a feminización da política, porque as mulleres estamos cansas de paternalismos, con igualdade real, e ese tempo novo só pode vir da man do BNG.

Pontón expresou o orgullo de pertencer a unha forza política que sempre estivo ao lado de Galiza, “desde as loitas de Xove até o Nunca Máis"

Desde Xove ao Nunca Máis

FOTO ANA PONTON RIANXO1“Nun momento no que se banaliza a política, o proxecto do Bloque é sólido, con principios e valores, con proxectos solventes e experiencia acumulada que é garantía de que o cambio vai ser real”, afirmou Ana Pontón, ao tempo que expresou o orgullo de pertencer a unha forza política que sempre estivo ao lado de Galiza, “desde as loitas de Xove até o Nunca Máis”.

Así, indicou que este “é o momento da política ao servizo do pobo, e no BNG temos programa, ambición de país, un proxecto sólido e con experiencia no que os galegos e galegos poden confiar. “Crer no país significa apostar en que as galegas e os galegos vivamos e traballemos con dignidade aquí e sexamos cada vez máis libres. Libres para non ter que aturar salarios de miseria, libres para non ter que emigrar, libres para decidir a quen amar, libres para non ter violencia de xénero, libres para pasar a páxina dos recortes”, subliñou a cabeza de lista do BNG.

"Se me inhabilitasen porque prefiro pagar un medicamento que salva vidas en vez de pagar o déficit cero de banqueiros ruíns, recibiríao como o mellor premio que pode ter a presidenta dunha nación"

Insubmisión

A candidata do Bloque á Presidencia da Xunta asegurou, entre aplausos, que se tiver a posibilidade de presidir Galiza, “nunca, nunca permitiría antepoñer o control do déficit á vida das persoas e aos seus dereito. E se me inhabilitasen porque prefiro pagar un medicamento que salva vidas en vez de pagar o déficit cero de banqueiros ruíns, recibiríao como o mellor premio que pode ter a presidenta dunha nación”.

Aliás, Pontón amosouse disposta a practicar a insubmisión con aquelas leis que causan dor e sufrimento, coas normas que prexudican a vida das persoas.

O acto ante militancia e simpatizantes contou tamén coas intervencións dos e das cabezas de lista das catro circunscricións: Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra), amais do número dous pola Coruña, Xosé Luís Rivas, Mini.

Comentarios