ELECCIÓNS

O BNG saca músculo a quince días das estatais

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, sinalou nun acto que congregou en Compostela un millar de cargos políticos, militantes e simpatizantes que o 10N é o momento de "transformar o cabreo en algo útil para Galiza", e pediu o voto "a todas as persoas que están fartas da frivolidade e dos egos madrileños".

FOTO ENCONTRO NACIONAL 6
photo_camera [Imaxe: BNG] Vista do acto do BNG en Compostela

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) congregou en Compostela a un millar de cargos políticos, militantes e simpatizantes nun encontro nacional conducido por Suso de Toro e Goretti Sanmartín que inicia a campaña electoral do 10N, todo nun ambiente “cargado de optimismo” -apoiado nas enquisas publicadas nos últimos días que prognostican o regreso do BNG ao congreso- sintetizado no lema “desta vai”, coreado reiteradamente polas persoas asistentes.

Así arrancou tamén a súa intervención a portavoz nacional, Ana Pontón, convencida de que hoxe “son moitos máis os galegos e galegas que, con independencia do que votasen o 28A, saben que Galiza perde cando o BNG no está no Congreso, e por iso van aproveitar a cita coas urnas para recuperar voz propia no Estado da man do Bloque”.

“O 10N é o día para dicir basta xa de tanta discriminación, de tanto pasotismo, de tanto desprezo con este país e desta vai porque coa forza das urnas o 10N imos colocar Galiza no mapa político do Estado. Ese é o compromiso do BNG, aproveitar a representación no Congreso para facer o que sempre fixemos: defender un futuro mellor para este país, defender un futuro mellor para os galegos e as galegas”, proclamou Pontón.

Contra o “espectáculo da política madrileña”.

Nunha campaña que definiu como “aparentemente fría e distante, pensada para que non se falen dos problemas deste país”, instou a mobilizarse para “non quedar a un puñado de votos, como hai seis meses”, en especial a toda a xente “cabreada co espectáculo da política madrileña”.

“A todas as persoas que están fartas da frivolidade e dos egos madrileños, pídolles que o 10N transformen o cabreo en algo útil para Galiza: apoiar ao BNG. Non fomos parte do problema, queremos ser parte da solución”, argumentou.

Neste sentido, agradeceu o apoio da militancia e de todas as persoas que “sen ser do BNG” se suman ao proxecto do Bloque, -con referencia expresa ao apoio de CxG-, porque comparten a causa común de darlle voz  a Galiza no Estado. “É un obxectivo que vai máis alá das siglas, é un obxectivo de País”, apuntou.

Ademais, mostrouse crítica co bipartidismo PP-PSOE, -“os Pili e Mili da política, polo moito que se parecen á hora de discriminar a Galiza”-, e acusounos de “empeñarse” en que a campaña “se centre en Madrid e Cataluña”, para ocultar o feito de que “os intereses de Galiza só contan para o BNG, porque as forzas co centro de decisión en Madrid nunca os defenderon”.

Crítica á política anti-Galiza de Feixóo

Pontón tamén censurou o presidente da Xunta –ao que cualificou como “o peor presidente da historia deste país”- “por encabezar un goberno cada vez máis contrario os intereses do país”: “Quero dicirlle ao señorito dos Peares que anti-Galiza é un decreto que prohibe ensinar matemáticas ou física en galego, anti-Galiza é ser cómplice de todos os atrasos do AVE,  vetar unha tarifa eléctrica galega, recortar na sanidade poñendo en risco a vida das persoas e anti-Galiza é un presidentiño que pasou de ser o recadeiro de Raxoi a ser o recadeiro de Casado”.

Para a portavoz nacional do BNG, as críticas de Feixóo ao Bloque “só demostran o seu nerviosismo, e que nestas eleccións busca competir polo voto da ultradereita, coa que até nada compartía partido e agora  gobernos porque son dúas caras da mesma moeda”.

Rachar a ‘procesión dos caladiños’

O Bloque Nacionalista Galego comprometeuse no acto a “condicionar a política do Estado a favor de Galiza”, afirmando que “Nestor, Olalla, Paco e Carme non van ir ao Congreso para estar calados”, a diferenza do que sucede coa “procesión dos caladiños de PP, PSOE e Podemos. O BNG vai devolverlle a Galiza o peso político que nunca debeu perder”, sinalou, facendo un chamamento a “facerse valer, como xa fan vascas, cataláns, canarias, valencianas e até Cantabria”.

“Poñeremos a nosa representación ao servizo dos e das galegas, porque isto non vai do futuro de Sánchez nin de Casado. O 10N vai dos 6.000 empregos en xogo só no sector industrial en empresas como Endesa ou Alcoa, entre outras; vai de como subir as pensións que son as segundas máis baixas do Estado; vai de acabar coa estafa da AP9; vai de que chegue o AVE e de ter tren de cercanías; vai de que paguen a débeda en dependencia; vai de ter un sistema de financiamento xusto; vai de defender un novo status que nos recoñeza como nación... Por iso, é momento de apostar por Galiza, é o momento de apostar polo BNG”, concluíu Ana Pontón.

Comentarios