BNG rexistra a comisión para a reconstrución do país

Ana Pontón defende un novo modelo para a reactivación social, económica e cultural.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento co secretario xeral da CIG, Paulo Carril (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento co secretario xeral da CIG, Paulo Carril (Imaxe: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou esta segunda feira, 14 de setembro, a petición de creación dunha comisión para a reactivación económica e social de Galiza, despois de que nunha comparecencia ante os medios a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, declarase que por parte do Goberno da Xunta e do seu titular, Alberto Núñez Feixoo, "non se tivese dado aínda ningún paso adiante" após a oferta de diálogo expresada polo propio Feixoo na sesión de investidura.

En concreto, forza nacionalista solicitou a constitución dunha comisión especial de estudo para acordar un novo modelo que permita a reactivación económica, social e cultural así como blindar os servizos públicos na Galiza.

"O tempo pasa sen que a oferta de diálogo do presidente da Xunta tivera máis efecto que ser titular de prensa da sesión de investidura" mais, segundo advertiu Pontón, "hai que actuar sen demora porque a situación é crítica para miles de familias". Nese sentido, a líder nacionalista aseverou que "quen queira traballar para fraguar acordos útiles para defender este país e os dereitos das galegas e galegos terá sempre a man tendida do BNG".

Mais para lograr eses acordos, dixo a nacionalista, débense "mudar as vellas receitas fracasadas e que o PP veña ao Parlamento coa vontade de facelo porque con máis do mesmo non imos poder saír adiante", afirmou, após un encontro cunha delegación da Confederación Intersindical Galega (CIG), encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, para analizar a situación de crise derivada da pandemia, no que tamén participou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Ao saír do encontro, a líder nacionalista deixou claro que non se poden repetir os erros da crise financeira de 2008 "aplicando recortes de dereitos aínda en vigor" e, neste sentido, demandou a derrogación das contrarreformas laborais e das leis Montoro e Mordaza, así como un novo modelo económico "verde, baseado na innovación e que poña Galiza a producir".

Entre as propostas concretas Pontón enumerou un novo modelo de financiamento, que se traduza nun concerto económico que permita á Galiza xestionar a totalidade dos seus recursos; converter o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) "nun auténtico instituto de crédito como paso previo a unha banca pública galega" e estabelecer unha tarifa eléctrica galega "que abarate o prezo da electricidade para familias e empresas". Tamén propuxo "como mínimo" duplicar os fondos para I+D+i, crear o Innogal, un novo instituto para captar e reter talento, e un plan para a reindustrialización do país.

Comentarios