Parlamento

O BNG rexeita a lei de ordenación do territorio por "favorecer" as empresas

O deputado Luís Bará apela a un "pacto de país" no Parlamento galego no debate desta norma.
O deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará (Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará (Nós Diario).

O deputado do Bloque Nacionalista Galego Luís Bará anunciou esta sexta feira que o seu grupo emendará a totalidade da lei de ordenación do territorio no vindeiro Pleno do Parlamento ao considerar que "coa escusa da simplificación administrativa" pretende "poñer por diante os intereses de grandes grupos empresariais".

Bará sinalou que o Partido Popular, "en tempo de desconto ante as eleccións galegas", está despregando un "arsenal lexislativo" a modo de "traca final" do seu mandato na Xunta. Tanto a lei de ordenación do territorio, como a ambiental, complementan a lei de emprendemento e competitividade económica do ano 2013 e a de 2017, de implantación de iniciativas empresariais coñecida como a "lei de depredación", segundo explicou o deputado nacionalista.

Para Bará esta norma, que sairá aprobada no Pleno da vindeira semana pola maioría absoluta do PP na Cámara galega, é un exemplo de "destrución, degradación e desfeita" do  que queda do territorio "en pé" despois de "décadas de políticas de depredación do PP". "Temos un panorama desolador neste ámbito cun crecemento caótico das áreas urbanas, a desertización e despoboación do rural e agresións ambientais por todas partes", explicitou.

O deputado afirmou que esta lei está escrita "ao ditado" dos "grandes lobbys enérxeticos, forestais, mineiros e das grandes superficies comerciais". "A verdadeira realidade desta lei é a figura dos 'Proxectos de Interese Autonómico' (PIA), que ocupan 14 artigos do texto e supón "unha patente de corso" para que os grupos económicos poidan "arrasar e facer o que queiran no territorio galego".

Coa figura dos PIA, incidiu Bará, os intereses privados "pasan por riba da autonomía municipal e incluso non precisan licenza dos concellos". Polo que, para o deputado, "na práctica é unha privatización", como demostra o exemplo do "pelotazo da cidade deportiva do Celta en Mos".

Comentarios