O BNG reúnese con profesionais en I+D+i para "enriquecer e mellorar" o programa do partido de cara ás eleccións

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) iniciou este sábado a primeira mesa de traballo xunto a profesionais e expertos do sector I+D+i para "enriquecer, ampliar e mellorar" o programa do partido de cara ás eleccións galegas

A primeira xornada 'Pensa Galiza' (Europa Press)
photo_camera A primeira xornada 'Pensa Galiza' (Europa Press)

A iniciativa 'Pensar Galiza' do BNG comezou a andar este sábado cunha xornada de traballo na que a formación nacionalista reuniu a diversas voces do mundo da universidade e a investigación para "facer partícipe" a este sector do proxecto que o partido quere presentar á cidadanía.

Desta maneira, a viceportavoz do Bloque no Parlamento, Olalla Rodil, e o ex reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, trasladárono este sábado ao medios de comunicación.

Rodil considera que "defender e apostar" pola "innovación, ciencia e investigación" debe ser "un eixo central" á hora de crear "unha proposta alternativa" de Goberno. Para ela e o seu partido, trátase "dun sector fundamental" para o desenvolvemento social, económico e cultural" da Galiza.

Así, o I+D+i postúlase como un dos alicerces fundamentais "sobre os que pivotará o programa para pór en marcha o país" que os nacionalistas queren construír. Após esta reunión, o vindeiro sábado 15 de febreiro celebrarase unha sobre feminismo, con activistas, asociacións e outras personalidades competentes neste ámbito.

Ademais, as mesas de traballo intercambiarán "opinións e coñecemento" durante tres meses para achegar ese plus ao programa do BNG. A estas dúas primeiras mesas, sumaranse outras sobre medio rural, políticas lingüísticas, políticas sociais ou cultura.

Perspectivas diversas do mundo da ciencia

Este primeiro encontro está coordinado por Salustiano Mato, quen asegura que esta "nova experiencia contrasta a maneira de ver, pensar e sentir de distintas persoas do mundo da ciencia".

A través das diferentes perspectivas pretenden clarificar "como debe tecerse o ecosistema de innovación" na Galiza para "lograr unha alternativa con futuro", desde "os máis veteranos até os mozos que empezan o camiño da investigación" e sofren as "incertezas e dúbidas" de "un mundo precarizado".

Ao mesmo tempo, marcouse o obxectivo de "construír un ecosistema galego" que poida dar pé a "unha Galiza do 2030" que "cumpra todas as metas do desenvolvemento sustentábel".

Comentarios