O BNG renova a dirección da fronte e fixa como meta liderar o Goberno da Galiza en 2024

Consello Nacional do BNG.
photo_camera Consello Nacional do BNG.

A líder do BNG, Ana Pontón, convidou aos membros e militantes da organización a "non caer na trampa" da "caricatura" que lle "interesa" trasladar do Bloque a un Partido Popular que ve "dos nervios" ante o "avance" da formación frontista.

Pontón dirixiuse así ao renovado Consello Nacional do BNG, que se reuniu por primeira vez este sábado nun acto que puxo fin ao proceso interno iniciado este outono pola organización nacionalista.

O máximo órgano de dirección entre Asembleas, quedou hoxe constituído con 105 integrantes, 50 elixidos pola Asemblea Nacional, entre eles os 20 da Executiva Nacional que lidera a portavoz Ana Pontón e 55 en representación das comarcas nas que o Bloque se organiza por todo o país.

Comicios de 2024

Concluída a renovación interna que deu continuidade ao liderado de Pontón coa constitución do Consello Nacional, a formación frontista marca horizonte o próximo ciclo electoral, coas municipais e europeas como antesala do gran reto que fixan os nacionalistas: alcanzar a presidencia da Xunta en 2024.

Un "camiño" cara ás autonómicas previstas para dentro de tres anos que, como subliñou Pontón, o BNG debe transitar con "man tendida" e "un discurso claro" para "chegar a toda" a sociedade galega "ofrecendo alternativas aos problemas dos mozos, as familias ou as pequenas e medianas empresas".

Fortalecer e "ensanchar" a base social do Bloque foi o primeiro paso sinalado pola líder nacionalista "no camiño" á "a meta" de presidir a Xunta na próxima lexislatura, seguido de lograr un bo resultado nas municipais de 2023 e aumentar a representación nas Cortes e as institucións europeas.

Non caer na trampa

Todo iso "sen caer no conformismo nin a autocomplaciencia" para ser quen de atraer ao BNG "a inmensa maioría rebelde que sabe que hai outra Galiza posíbel" e que "non se conforma coa Galiza en pequeno" dun PP ao que ve "ao bordo dun ataque de nervios" ante o "avance" da formación frontista. "Cada vez que eles perden os papeis, subimos un pouco máis", apostilou.

"Teño a sensación de que imos mellor do que pensamos. Feixoo e o PP están máis nerviosos que nunca co BNG. Non teño claro se lles preocupan as enquisas, que din que o BNG avanza; a nosa fortaleza entre a mocidade ou o noso crecemento en voto urbano", aseverou Ana Pontón.

Por iso, resaltou a importancia de evitar "moverse" na "caricatura" do BNG que, di, lle "interesa" trasladar ao Partido Popular, unha "trampa" na que Pontón ve necesario "non caer".

"Queda moito por facer, hai que porse ao choio, a nivel individual e colectivo, con toda a convicción e determinación", remarcou Ana Pontón, quen salientou o apoio do BNG á mobilización deste sábado contra "o boom eólico" que, di, está favorecido por unha Xunta "que goberna para as grandes eléctricas".

Así as cousas, a líder nacionalista instou os membros da nova dirección da organización nacionalista a "traballar" e manter "o compromiso" para dar pasos cara á meta de 2024. O BNG quere chegar a San Caetano para "cambiar unha Galiza con potencial, con riqueza e, sobre todo, con xente honesta, talentosa e traballadora", concluíu.

Comentarios