O 20D de 2015, no momento do seu maior apoxeo, En Marea -co vento nas velas dun Podemos que no Estado parecía un fenómeno político imparábel- obtivo 408.370 votos e o 25,04 por cento das papeletas. 6 escanos no Congreso e 1 senador.
Sete meses máis tarde, no 26X, após Podemos e as súas confluencias non apoiaren a investidura de Pedro Sánchez, a estatística comezou a engruñar. 344.143 sufraxios, o 22,18 por cento. 5 escanos no Congreso e ningunha acta no Senado.
Este domingo 25 de Setembro continuou a costa abaixo da nova forza política, na primeira cita eleitoral á que concorre baixo a fórmula de partido instrumental. 271.418 votos, o 19,07 por cento dos sufraxios. 14 escanos, os mesmos que o PSdeG-PSOE.
Polo camiño ficaron, desde o 20D, 136.952 votos, o que supón en percentaxe de apoio unha perda do 33,5 por cento. En definitiva, 1 de cada 3 eleitores abandonaron En Marea desde as xerais de 2015.
A outra forza política que concorría no campo da socialdemocracia e o galeguismo, o PSdeG, entrega uns números algo mellores dos que En Marea, mais a tónica é a mesma, un descenso moi pronunciado desde o 20D.
Destarte, en decembro o PSOE conseguiu na Galiza 347.942 votos, o 21,33 por cento das papeletas. Na repetición de xuño, os socialistas demostraron a fidelidade do seu eleitorado e asinaron un 22,25 por cento, co 345.253 votos. Conseguiron algo máis, darlle a volta ao sorpasso do 20D e superar a En Marea por un escano (6 face 5).
Pois ben, este 25 de setembro a marca do PSOE na Galiza ficou no 17,88 por cento e en apenas 254.552 papeletas.
Isto supón que un total de 93.390 galegas e galegos abandonaron o PSdeG desde o 20D, un 26,8 por cento do seu eleitorado. Dito doutro xeito, un de cada catro eleitoras e eleitores socialistas de decembro de 2015 non avalaron este 25S as candidaturas lideradas por Leiceaga.
Desde o 20D, o PSdeG perdeu polo camiño un de cada catro votos
Se o ollamos en percentaxe de voto -en termos absolutos pode ser normal perder voto porque nas galegas participa menos xente que nas xerais-, En Marea deíxase 6 pontos desde o 20D (pasa do 25,04 ao 19,07), en tanto que o PSdeG cede algo menos, case 5 (transitou desde o 22,25 do 26X, o seu mellor resultados nestes meses, ao 17,88 deste 25S).
A outra cara da moeda é neste caso o BNG, que por vez primeira en moitos anos viveu unha xornada eleitoral feliz. Certo é que cedeu un escano a respeito de 2012, mais se temos en conta os prognósticos dos inquéritos (durante a campaña até se puxo en cuestión a acta de Ana Pontón) e o ponto de partida das elección xerais de xuño (44.902 votos, 2,89 por cento), os resultados superan con moito as expectativas.
E non é para menos. Vexamos. O 20D Nós Candidatura Galega, a plataforma liderada polo BNG, ficou con 70.464 votos, o 4,32 por cento. Cero escanos. Os resultados foron ben piores en xuño.
O BNG supera as expectativas e a respeito do 26X triplica na práctica a percentaxe de sufraxios, do 2,89 por cento ao 8,36
Este domingo, as candidaturas lideradas por Ana Pontón conseguiron 118.982 votos, o 8,36 por cento dos válidos emitidos. 6 escanos e representación en todas as circunscricións galegas: 2 por A Coruña, 2 por Pontevedra, 1 por Lugo e 1 por Ourense.
O incremento a respeito do 20D de 2015 é de 48.518 votos, un aumento do 68,8% por cento. O BNG duplica na práctica a percentaxe de sufraxios, do 4,32 por cento ao 8,36 por cento.
O aumento se o pomos en relación co 26X xa é espectacular: 74.080 votos máis, un aumento do 164 por cento sobre os apoios obtidos daquela.
A liña do PP é inversa á de En Marea e PSdeG: desde o 20D foi de menos (37,10 por cento) a máis (ese 47,53 por cento), un incremento de 10 pontos percentuais
Canto ao campo da direita, os números locen esplendorosos para o Partido Popular. A candidatura de Feijóo colleitou este 25S 676.676 papeletas, o 47,53 por cento dos sufraxios.
A liña do PP é inversa á de En Marea e PSdeG: desde o 20D foi de menos (37,10 por cento) a máis (ese 47,53 por cento), un incremento de 10 pontos percentuais. En número de votos o PP conseguiu 32.849 papeletas máis que en decembro de 2015, o que significa un aumento do 5,1 por cento en termos absolutos a respeito dos seus resultados daquela altura.
O damnificado por estas impresionantes marcas do PP é Ciudadanos. Cs navegou desde o 9,07 por cento do 20D (1 deputado por A Coruña) até o 3,38 por cento deste 25S. Nestes meses o partido laranxa cedeu 99.807 sufraxios, o que deixa a formación de Rivera na irrelevancia política.