Desde o 20D, a candidatura de Villares cedeu un de cada tres votos, en tanto que a de Ana Pontón incrementou o seu apoio no 68,8 por cento

BNG en remontada, En Marea e PSdeG costa abaixo

Día de análises pormenorizadas nos cuarteis xerais das distintas forzas políticas, coa resaca no corpo do novo triunfo esmagador de Feijóo na Galiza. No campo gubernamental, os días de viño e de rosas do PP non parecen ter fin. No da oposición, desde o 20D e o 26X -as dúas eleccións xerais cuase consecutivas- verificouse unha redistribución do voto, en favor do BNG e en detrimento de PSdeG e En Marea. A respeito do 20D de 2015, En Marea cedeu un de cada tres votos e o Partido Socialista, un de cada catro. O Bloque, por contra, aumentou os seus seus apoios nun 68,8% se o pomos en relación co 20D e un 164% en relación co 26X.

Evolucion_datos_interior

O 20D de 2015, no momento do seu maior apoxeo, En Marea -co vento nas velas dun Podemos que no Estado parecía un fenómeno político imparábel- obtivo 408.370 votos e o 25,04 por cento das papeletas. 6 escanos no Congreso e 1 senador.

Sete meses máis tarde, no 26X, após Podemos e as súas confluencias non apoiaren a investidura de Pedro Sánchez, a estatística comezou a engruñar. 344.143 sufraxios, o 22,18 por cento. 5 escanos no Congreso e ningunha acta no Senado.

Este domingo 25 de Setembro continuou a costa abaixo da nova forza política, na primeira cita eleitoral á que concorre baixo a fórmula de partido instrumental. 271.418 votos, o 19,07 por cento dos sufraxios. 14 escanos, os mesmos que o PSdeG-PSOE.

Polo camiño ficaron, desde o 20D, 136.952 votos, o que supón en percentaxe de apoio unha perda do 33,5 por cento. En definitiva, 1 de cada 3 eleitores abandonaron En Marea desde as xerais de 2015.

A outra forza política que concorría no campo da socialdemocracia e o galeguismo, o PSdeG, entrega uns números algo mellores dos que En Marea, mais a tónica é a mesma, un descenso moi pronunciado desde o 20D.

Destarte, en decembro o PSOE conseguiu na Galiza 347.942 votos, o 21,33 por cento das papeletas. Na repetición de xuño, os socialistas demostraron a fidelidade do seu eleitorado e asinaron un 22,25 por cento, co 345.253 votos. Conseguiron algo máis, darlle a volta ao sorpasso do 20D e superar a En Marea por un escano (6 face 5).

Pois ben, este 25 de setembro a marca do PSOE na Galiza ficou no 17,88 por cento e en apenas 254.552 papeletas.

Isto supón que un total de 93.390 galegas e galegos abandonaron o PSdeG desde o 20D, un 26,8 por cento do seu eleitorado. Dito doutro xeito, un de cada catro eleitoras e eleitores socialistas de decembro de 2015 non avalaron este 25S as candidaturas lideradas por Leiceaga.

Desde o 20D, o PSdeG perdeu polo camiño un de cada catro votos

Se o ollamos en percentaxe de voto -en termos absolutos pode ser normal perder voto porque nas galegas participa menos xente que nas xerais-, En Marea deíxase 6 pontos desde o 20D (pasa do 25,04 ao 19,07), en tanto que o PSdeG cede algo menos, case 5 (transitou desde o 22,25 do 26X, o seu mellor resultados nestes meses, ao 17,88 deste 25S).

A outra cara da moeda é neste caso o BNG, que por vez primeira en moitos anos viveu unha xornada eleitoral feliz. Certo é que cedeu un escano a respeito de 2012, mais se temos en conta os prognósticos dos inquéritos (durante a campaña até se puxo en cuestión a acta de Ana Pontón) e o ponto de partida das elección xerais de xuño (44.902 votos, 2,89 por cento), os resultados superan con moito as expectativas.

E non é para menos. Vexamos. O 20D Nós Candidatura Galega, a plataforma liderada polo BNG, ficou con 70.464 votos, o 4,32 por cento. Cero escanos. Os resultados foron ben piores en xuño.

O BNG supera as expectativas e a respeito do 26X triplica na práctica a percentaxe de sufraxios, do 2,89 por cento ao 8,36 

Este domingo, as candidaturas lideradas por Ana Pontón conseguiron 118.982 votos, o 8,36 por cento dos válidos emitidos. 6 escanos e representación en todas as circunscricións galegas: 2 por A Coruña, 2 por Pontevedra, 1 por Lugo e 1 por Ourense.

O incremento a respeito do 20D de 2015 é de 48.518 votos, un aumento do 68,8% por cento. O BNG duplica na práctica a percentaxe de sufraxios, do 4,32 por cento ao 8,36 por cento.

O aumento se o pomos en relación co 26X xa é espectacular: 74.080 votos máis, un aumento do 164 por cento sobre os apoios obtidos daquela.

A liña do PP é inversa á de En Marea e PSdeG: desde o 20D foi de menos (37,10 por cento) a máis (ese 47,53 por cento), un incremento de 10 pontos percentuais

Canto ao campo da direita, os números locen esplendorosos para o Partido Popular. A candidatura de Feijóo colleitou este 25S 676.676 papeletas, o 47,53 por cento dos sufraxios.

A liña do PP é inversa á de En Marea e PSdeG: desde o 20D foi de menos (37,10 por cento) a máis (ese 47,53 por cento), un incremento de 10 pontos percentuais. En número de votos o PP conseguiu 32.849 papeletas máis que en decembro de 2015, o que significa un aumento do 5,1 por cento en termos absolutos a respeito dos seus resultados daquela altura.

O damnificado por estas impresionantes marcas do PP é Ciudadanos. Cs navegou desde o 9,07 por cento do 20D (1 deputado por A Coruña) até o 3,38 por cento deste 25S. Nestes meses o partido laranxa cedeu 99.807 sufraxios, o que deixa a formación de Rivera na irrelevancia política.

Comentarios