BNG reivindica a "solvencia" do seu programa

Na presentación da candidatura da Coruña, Ana Pontón asegurou que a organización frontista está centrada en "escoitar, dialogar e explicar" as propostas nacionalistas. 

BNG_ACoruña
photo_camera [Imaxe BNG]

Esta quinta feira (11 de agosto) o BNG presentou a súa candidatura pola circunscrición da Coruña e que encabezan a candidata á Xunta, Ana Pontón, e o ex-alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas, Mini. 

No acto, que tivo lugar na cidade de Compostela, Pontón asegurou que nas últimas semanas estiveron centrados en "escoitar, dialogar e explicar" as propostas do seu programa electoral fronte a outras forzas das que dixo estiveron inmersas no "autobombo" e "as guerras de poder". 

Xosé Luís Rivas, Mini, asegurou que o Bloque representa un proxecto de "seriedade", "amabilidade" e que "non anda con vaivéns do vento"

Pontón defendeu que o Bloque posúe un “proxecto claro, definido e solvente” e instou a que o 25 de setembro non supoñe “un mero cambio de xestores” senón que cómpren, afirmou, mudanzas estruturais para facer fronte ás desigualdades sociais e a diverxencia económica de Galiza. Neste senso, acrecentou, o BNG aposta por eses cambios a través dun proxecto alternativo cheo de “solvencia, experiencia e valentía para o cambio político” que se vai producir nas vindeiras eleccións de setembro.

Neste senso, o nº2 da candidatura, Xosé Luís Rivas, Mini, defendeu a proposta do BNG “pola súa seriedade, amabilidade" e porque "non anda con vaivéns do vento”.

A respeito dos incendios forestais que atinxen Galiza nos últimos días, especialmente no sur, a candidata nacionalista á Xunta de Galiza amosou o seu apoio  ás persoas que estes días loitan contra o lume e ás que senten como as súas vivendas son ameazas. "Sentimos a dor desa negrura que ano tras ano arrasa cunha grande parte dos nosos montes e espazos naturais protexidos", afirmou. 

Pontón defendeu unha outra política forestal para atallar os lumes "en inverno"´. 

Comentarios