‘ERGUER OS SOñOS E AS ESPERANZAS’

O BNG reivindica no 14 de abril unha república “nosa, galega, social e democrática”

Publica un manifesto no que defende ir alén dun simple cambio na forma do estado para pular por conquerir para Galiza a capacidade de ‘’decidir en función dos nosos intereses’’.

Bandeira galega co escudo deseñado por Castelao
photo_camera Bandeira galega co escudo deseñado por Castelao

‘Erguer os soños e as esperanzas’ é o título do manifesto que co gallo do 14 de abril -data de proclamación da II República- publica o BNG, un manifesto no que @s nacionalistas reivindican “ unha república nosa, galega, social e democrática”. A República Galega que se reivindica aposta “no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo”.

Unha “simple” mudanza na forma do Estado sen que esta supoña que Galiza poida dispoñer de “capacidade para decidir en función dos nosos intereses” non vai resolver os problemas do país, determinados “pola relación de dependencia e subordinación de Galiza con respecto ao estado español”. No manifesto faise fincapé en que a necesidade dun cambio na forma de Estado non devén só do carácter anti-democrático da monarquía, senón por se tratar dun sistema corrupto e dun “aparello ao servizo da clase dominante, das grandes empresas, da banca e do poder económico”.

Remata o manifesto cun chamamento á esperanza e a reivindicar o proxecto da República de Galiza, como expresión das conviccións democráticas e republicanas do nacionalismo e do dereito do pobo galego a existir: “temos dereito e escribir a nosa propia historia e a construír un futuro diferente do que outros queren para nós, de xustiza, igualdade e liberdade”.

Comentarios