O BNG reivindica 100 anos de nacionalismo coa ollada no futuro

Reivindicar a vixencia e a necesidade do nacionalismo. Con este obxectivo o BNG conmemorou na mañá do sábado en Lugo o centenario da primeira Asemblea Nacionalista.

Acto do BNG en Lugo con motivo do 100 aniversario da I Asemblea Nacionalista.
photo_camera Acto do BNG en Lugo con motivo do 100 aniversario da I Asemblea Nacionalista.

Con motivo do 100 aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo, o BNG realizou na cidade da muralla un acto en que reivindicou a vixencia e a necesidade do nacionalismo galego que, en palabras da portavoz do Bloque, Ana Pontón, “é moito máis que unha organización política, é un movemento social, transformador, de progreso e de modernidade”.

Pontón fixo fincapé en que o BNG volta a vista atrás con motivo da conmemoración da asemblea que decorreu o 17 e 18 de novembro de 1918 mais “non con afán histórico ou memorialista”, senón coa ollada posta no futuro e “coa man tendida a todas as persoas que comparten con nós o amor por Galiza”.

“Levamos cen anos coa luz do nacionalismo acesa. Guíannos As Irmandades, Nós, o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, a defensa do Estatuto, os proxectos culturais, económicos e sociais do nacionalismo, a Tripla Alianza e Galeuzka, a loita contra o fascismo, e a resistencia antifranquista”, afirmou a dirixente do Bloque, “e hoxe continuamos traballando para acadar un feminismo real, defendemos o ecoloxismo, o sindicalismo, as loitas obreiras, o monte comunal, o territorio e a paisaxe, a nosa lingua, o sindicalismo nacionalista, os dereitos LGTBI, medios de comunicación en galego, e cidades humanizadas e saudábeis”.

“Somos continuadores dun pensamento e unha praxe política que atravesa toda a historia contemporánea de Galiza”, sinalou Pontón, quen salientou que “o mesmo soño político que tiñan aquelas persoas que hai cen anos redactaron o Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo” dá “pleno sentido ao noso compromiso político”.

Un papel “determinante”

A portavoz nacional do Bloque aproveitou a súa intervención para valorizar o papel que desenvolve o nacionalismo galego na actualidade e que cualificou como “determinante”. “Os grandes debates políticos do país correspóndense maioritariamente con iniciativas políticas do BNG”, engadiu ao respeito.

Na mesma liña, subliñou a “cohesión” e a “fortaleza” da organización que lidera e que traballa “cunha idea clara, Galiza non ten que resignarse a un presente precario, nin a un futuro incerto”. Foi entón cando puxo de manifesto o “enorme potencial” da nación, mais “cun goberno que non ten proxecto para Galiza, e un Estado centralista que nos marxina”.

Mudar o rumo

A portavoz nacional do BNG apelou á necesidade de “mudar o rumo” cun “programa político ambicioso” co fin de que Galiza estea entre as nacións máis avanzadas de Europa. Reivindicou medidas de protección ás terras fértiles e rías limpas e produtivas, a xestión racional do monte, estaleiros coas gradas cheas, un banco de terras e banca propia, pública e comprometida co tecido produtivo, innovación e desenvolvemento.

Pontón apuntou a idea dun “país coa enerxía do vento e do talento” e dunha “patria da xenómica, da biomedicina, da enxeñaría espacial, da acuicultura... Da ciencia e da conciencia da que naceron Zeltia e mil empresas máis”.

O desta mañá en Lugo foi o acto central convocado polo BNG con motivo da campaña realizada pola formación nacionalista polos 100 anos da I Asemblea Nacionalista.

Comentarios