domingo 09/05/21

O BNG pide reclamar ao Estado as competencias para crear unha policía galega

Levará unha proposición de lei ao vindeiro pleno da Cámara galega para instar o Goberno estatal a transferir as competencias en materia de Tráfico e Seguridade Viaria.
Axentes da Policía Autonómica, un corpo carente das competencias que teñen os Mossos en Catalunya ou a Ertzaintza en Euskadi (Foto: Xunta da Galiza).
Axentes da Policía Autonómica, un corpo carente das competencias que teñen os Mossos en Catalunya ou a Ertzaintza en Euskadi (Foto: Xunta da Galiza).

O BNG defenderá no vindeiro pleno do Parlamento, que decorrerá na terza feira, unha proposición de lei para demandar do Goberno do Estado as competencias en materia de Tráfico e Seguridade Viaria.  O deputado Luís Bará afirmou este domingo que o BNG non renuncia ao obxectivo de superar o actual marco político e para iso Galiza precisa "contar coas competencias pendentes".

"Chegou o momento de rematar con doce anos de parálise no autogoberno", sostivo Bará, quen lembrou a promesa de Alberto Núñez Feixoo cando recalou en San Caetano en 2009: "Dixo que empezaba a etapa de mnaior autogoberno, mais o balance destes doce anos é de cero transferencias".

Para o nacionalista, a falta de competencias fixo perder posicións á Galiza, que é conducida á "irrelevancia política" fronte a outros territorios "que avanzaron asumindo novas transferencias".

Por esta razón, o BNG levará á Camara galega "unha demanda xa aprobada aquí en 2008 e vetada no Congreso co voto en contra do Partido Socialista e a abstención do Partido Popular".

Corpo policial propio

Bará xustificou que as competencias de Tráfico deben ser traspasadas para que o Parlamento e a Xunta da Galiza poidan desenvolver, entre outras, a Lei de Policía aprobada en 2017.

Deste modo, o país podería contar cun corpo policial propio, como é o caso de Catalunya (Mossos d'Esquadra), Euskadi (Ertzaintza) e Nafarroa (Policía Foral). Na actualidade, Galiza ten a Policía Autonómica, unha división que depende directamente do Ministerio do Interior.

"Galiza precisa máis ferramentas políticas e financeiras para defender os seus intereses, e no contexto de pandemia son máis urxentes para afrontar os novos retos derivados da Covid", defendeu o BNG.

Aliás, Luís Bará considerou "indispensábel" avanzar noutras competencias pendentes como salvamento e seguridade marítima, xestión da costa, autoestradas ou portos. Na sesión plenaria desta terza feira tamén interpelará á Xunta sobre as negociacións das transferencias pendentes.

comentarios