POLÍTICA

BNG reclama á Xunta Electoral mecanismos para asegurar as "garantías" no voto por correo

Solicitan que o voto por correo permita a "identificación e conformidade" das electoras en todo o proceso, así como que se "garanta a saúde" das persoas que exerzan o seu dereito ao sufraxio e das traballadoras. 
Papeletas electorais nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas electorais (arquivo).

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) remitiu unha reclamación á Xunta Electoral esta quinta feira para que estabeleza os mecanismos necesario para asegurar que se realiza un proceso electoral "con todas as garantías democráticas" o vindeiro 12 de xullo no relativo ao voto por correo.

Solicitan que o voto por correo permita a "identificación e conformidade" das electoras en todo o proceso, así como que se "garanta a saúde" das persoas que exerzan o seu dereito ao sufraxio e das traballadoras. 

No mesmo escrito, as nacionalistas demandan a organización dun protocolo "a fin de evitar o colapso nas oficinas de Correos, como ten acontecido en procesos electorais anteriores, garantido en todo momento a seguridade e medidas sanitarias estabelecidas polas autoridades competentes". 

"O obxectivo desta reclamación é moi claro: conseguir que o voto por correo teña as máximas garantías democráticas e sanitarias", manifesta a coordinadora da Executiva Nacional do BNG, Goretti Sanmartín, quen apunta que "por mor da pandemia", a empresa Correos prescindiu da sinatura á hora de recoller ou entregar calquera tipo de documentación.  

O protocolo de seguridade perante a COVID-19 así o dicta, para minimizar o contacto e o risco de contaxio. Porén, Sanmartín alega que "nun proceso electoral é necesario garantir a identidade da persoa que vota para que se faga respectando o principio básico de unha electora, un voto".

As nacionalistas critican a "inseguridade xurídica" que provoca esta circunstancia, "que pode xerar graves problemas en canto ao desenvolvemento do proceso electoral", como explican no seu escrito dirixido á Xunta Electoral.

Así mesmo, a formación liderada por Ana Pontón salienta que "moitas oficinas non están adaptadas a nova situación" actual co coronavirus e alertan de que "o previsíbel incremento do voto por correo" pode provocar o "colapso" das mesmas, ademais de facer máis necesario atender á seguridade desde un punto de vista sanitario.

Ratificar as candidaturas

Por outra banda, o Consello Nacional do BNG reuniráse este sábado para ratificar as candidaturas lideradas por Ana Pontón, que xa foran aprobadas pola militancia para concorrer aos comicios do 5 de abril, que ficaron adiados pola pandemia da COVID-19. 

En concreto, Olalla Rodil vai como cabeza de lista por Lugo; Noa Presas por Ourense; Luís Bará por Pontevedra, así como Xosé Luís Rivas e Montse Prado como números dous pola Coruña e Pontevedra.

Na xuntanza tamén abordarán "as liñas forza da campaña" para o 12 de xullo "conseguir o cambio galego" nas urnas. A  alternativa das nacionalistas vai ter entre os seus grandes eixos a saúde, o emprego digno e o benestar social.

Comentarios