40 anos do estatuto de autonomía

BNG reclama o “status político de nación” fronte a un estatuto que “ficou pequeno”

Ana Pontón aposta en “pensar e construír colectivamente unha nova Galiza que nos sitúe na vangarda das nacións prósperas e xustas” desde un debate "sereno" no Parlamento e unha vez superada a emerxencia da Covid.

BNG status de nación
photo_camera Un momento do acto

O compostelán Pazo-Colexio de Fonseca foi a sede do Parlamento galego entre 1982 e 1989 e esta terza feira foi o escenario elexido polo BNG para reclamar para Galiza “o status político de nación” nun acto convocado con motivo do 40 aniversario do Estatuto de 1981

“O noso horizonte é claro, queremos un novo status político para Galiza que nos recoñeza como o que somos: unha nación, e avanzar cara a unha relación co Estado de tipo confederal. Para iso é necesario abrir un debate sereno e tranquilo no Parlamento e, superada a emerxencia deste momento, teremos que abordar este debate, porque non podemos permitir que Galiza, como nación histórica, quede relegada cando Euskadi e Cataluña avanzan nesa dirección”, manifestou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención.

Hai que pasar páxina, manifestou a nacionalista, porque o Estatuto actual “é un traxe que ficou pequeno xa antes da Covid, tras catro décadas que son a crónica dunha frustración”.

Tarefa conxunta

“Hoxe quero convocar a unha grande tarefa para esta década, a de pensar e construír colectivamente unha nova Galiza, cara ao futuro, cara a un porvir que nos sitúe na vangarda das nacións máis prósperas e xustas”, proclamou.

O BNG reclama así superar o actual marco estatutario e darlle  a Galiza o status de nación nunha relación confederal co Estado pero, como explicou Pontón, é consciente da actual correlación de forzas no Parlamento cun PP “que non quere unha Galiza máis forte como evidencian doce anos de Goberno sen unha soa transferencia”.

Neste sentido, demanda “que se abra a transferencia de todas as competencias pendentes, porque o mínimo é cumprir o Estatuto tras 40 anos e cando hai máis de setenta ámbitos onde se pode incrementar as competencias de Galiza”.

Pontón reivindicou o BNG como heredeiro das Irmandades da Fala, da Xeración Nós, do Partido Galeguista, “pioneiros na defensa de Galiza como nación e do seu dereito á libre determinación”, e apuntou que o actual Estatuto non serviu para solucionar os problemas estruturais, como a crise demográfica, a emigración, a precariedade laboral ou o espolio dos recursos da Galizas, “mostra das limitacións deste marco”.

En clave de progreso

“Non é xusto que nos digan que como se votou hai catro décadas non podemos opinar, nin traballar para facer unha Galiza máis forte e mellor”, reclamou. Defendeu que cando o BNG apela a ter capacidade de decisión está pensando “en como reforzar a sanidade pública, como ter un modelo de atención aos maiores que garanta o seu dereito a unha vellez digna, como xerar emprego de calidade ou como lograr a igualdade real”.

E para iso,  esta debe ser “unha nación con verdadeiro autogoberno e non con poder delegado ou tutelado”, deixar atrás catro décadas “que son a crónica dunha frustración”.

Con toda esa bagaxe e experiencia acumulada, indicou Pontón, “temos que escoller se queremos decidir nós o noso futuro ou se imos deixar que decidan por nós a centos de quilómetros; se temos un proxecto propio ou se imos administrar o espolio dos recursos e a riqueza do País”. Para a líder nacionalista, “a clave é superar esa encrucillada histórica e ter poder político, instrumentos económicos, financeiros e fiscais para poñer en marcha a Galiza do futuro”.

Comentarios