O BNG reclama a nacionalización de San Cibrao "sen perder un minuto máis"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo de manifesto na mañá da sexta feira que o Goberno español e a Xunta deben "de inmediato" pór en marcha a intervención pública de Alcoa en San Cibrao de cara á nacionalización do complexo mariñán.

Ana Pontón Alcoa
photo_camera Ana Pontón, na súa última visita aos traballadores e traballadoras de Alcoa, esta mesma semana (Imaxe: Europa Press).

En declaracións remitidas aos medios após coñecerse a decisión da multinacional estadounidense de aplicar o despedimento colectivo de 524 traballadores e a hibernación ordenada das cubas de electrolisis da planta de aluminio de San Cibrao, Pontón apelou a "non perder un minuto máis" e proceder á intervención da factoría.

"Necesitamos un goberno que non se dobregue ante os intereses desta multinacional e que defenda o interese xeral", sinalou a líder frontista, que puxo o acento en que "non" existen impedimientos legais para nacionalizar a planta, para o que "só fai falta vontade política".

"Sería unha irresponsabilidade imperdoábel que PP e PSOE permitisen o fechamento desta fábrica", aseverou Pontón antes de incidir en que Alcoa "ensinou as súas cartas" e agora toca ás administracións "pór sobre a mesa a intervención pública" do complexo para "manter o emprego e a actividade industrial".

Precisamente, a pasada cuarta feira, a nacionalista dirixíase ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento da Galiza para emprazalo a impulsar a intervención de Alcoa.

O xefe do Executivo respondeu que contemplaba a intervención como "última opción".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmaba en sede parlamentar a pasada cuarta feira que a intervención de Alcoa era "a última opción" que contemplaba para a factoría de San Cibrao (Cervo).

A liña de actuación para Feixoo era, en primeiro lugar, a venda da factoría de forma directa a Liberty House, a compañía que estaba interesada na compra, e de non ir avante esta vía, a venda debería producirse á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), para que logo esta sociedade pública estatal venda a factoría a Liberty House. Porén, nas negociacións cos sindicatos, Alcoa xa evidenciara que non lle interesaba a venda da fábrica, pois suporía ter un novo competidor no mercado.

Comentarios