O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, volveu a reclamar esta terza feira ao Goberno que anule a concesión da autoestrada AP-9 e atenda "a demanda unánime do conxunto da sociedade galega", poñendo fin ás "abusivas peaxes".
Non é de recibo que os galegos e galegas continúen pagando unha autoestrada xa amortizada
O deputado nacionalista rexistrou unha serie de preguntas dirixidas ao Executivo nas que cuestiona que siga defendendo a prórroga da concesión malia o expediente de infracción aberto pola Comisión Europea e reclama ao Ministerio de Transporte un informe "serio e rigoroso" sobre o custo do rescate da autoestrada.
Sobrepago
Néstor Rego sinalou que a meta de ter unha AP-9 "pública, galega e libre de peaxes" podería estar máis perto se o Goberno "deixa de ser cómplice da empresa privada e renuncia a defender a legalidade da concesión". "Non é de recibo que os galegos e galegas continúen pagando unha autoestrada xa amortizada", aseverou.
O BNG sinalou que o momento actual é "unha oportunidade" para que o Executivo rescinda o contrato coa actual concesionaria, e poña fin "a décadas de sobre-pago". Ademais, advertiu das consecuencias de manter a concesión, xudicializando o procedemento aberto pola Comisión, para as arcas públicas.
"Non pode o Goberno seguir defendendo a legalidade dunha decisión que considera inxusta. Mesmo cando a propia UE insiste en que a resolución de prorrogar a concesión adoptouse para valorizar a autoestrada para a súa privatización", subliñou o deputado do BNG, que chamou ao Executivo a "rectificar".
Namentres, Rego instou ao Goberno a cumprir o acordo de investidura e "aplicar canto antes o incremento das bonificacións xa estabelecidas para usuarios da AP-9" e implantar novas bonificacións na AP-53.