O BNG reclama a España a fixación dun prezo mínimo para o leite

Sitúa en 0,34 céntimos o valor mínimo en orixe e demanda "vontade política" en Madrid para adoptar medidas como está a desenvolver o sector en Franza.

GZ Foto
photo_camera [Imaxes da tractorada en Chantada | GZfoto]

A deputada do BNG nas Cortes españolas, Olaia Fernández Davila, rexistrou esta sexta feira (7 de agosto) unha pregunta para resposta escrita na que demanda o posicionamento do goberno español a respeito da posibilidade de implementar, como fixo Franza, un acordo que incremente 4 céntimos o prezo do leite nos lineais á fin de tirar á alta polo do produto en orixe. 

Na última xuntanza decorrida na Galiza, o número dous do Ministerio de Agricultura, Carlos Cabanas, sinalou que o executivo español preguntara sobre a proposta á Comisión Nacional do Mercado de Valores e á Comisión europea sobre esta posibilidade mais, partindo da premisa de que esta podería vulnerar a lexislación comunitaria. 

"O sector lácteo galego está a percibir entre 0,22€ e 0,28€ por litro de leite, moi por baixo da media que perciben os gandeiros franceses, 0,30 céntimos", sinala na iniciativa Fernández Davila quen rexeitou a "parsimonia" coa que din está a actuar o executivo español. 

Neste senso, demandou a fixación dun prezo mínimo en orixe de 0,34 céntimos á fin de equiparar as condicións das explotacións galegas ás de Franza. "Malia que a Administración francesa teña moi clara a defensa do seu sector agro-gandeiro, ao seu homólogo español semella custarlle emprender un camiño nese senso", censurou a deputada nacionalista. 

Comentarios