O BNG reclama a creación do Estatuto da vítima de feminicidio

Solicita que a acreditación de muller en situación de violencia machista non dependa da denuncia através da modificación da lexislación actual a nivel estatal. 

Carme-Adán1
photo_camera Carme Adán [Imaxe BNG]

A voceira de Igualdade do BNG no Parlamento galego, Carme Adán, presentou esta sexta feira (14 de agosto) a proposta lexislativa coa que pularán pola modificación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a violencia de xénero. 

O obxectivo da organización frontista é a creación do Estatuto de vítima de feminicidio, un "título" específico a incorporar na lexislación actual co que se muden as condicións polas que as mulleres en situación de violencia machista poidan ver acreditada este feito. Neste senso, suprimiríase a obriga de ser através da denuncia a única formulación para que sexan tamén os informes dos servizos sociais, sanitarias, os certificados de acollida ou mesmo un informe da Inspección de Traballo ou da Seguridade Social. 

Con esta mudanza, as mulleres en situación de violencia machista poderían acceder aos recursos asistenciais, económicos e/ou psicolóxicos previstos pola lexislación sen que sexa preceptivo presentar previamente unha denuncia. 

Adán: "Se en vez de mulleres vítimas de violencia de xénero fosen asasinadas por outras razóns o estado paralizaría as súas vacacións"

Após 11 anos da aprobación da Lei Orgánica, sinalou Adán, esta "fica curta" e cómpre adaptala á realidade actual. "Levamos máis de 700 mulleres asasinadas [desde 2003] no Estado e 40 na Galiza sen contabilizar as que non aparecen nas estatísticas". Entre elas, lembrou, a amiga de Marina Okarnynska, asasinada xunto a ela por Sergio Morote en Cuenca, Laura del Hoyo. 

Así pois, desde o BNG propoñen a incorporación do termo "feminicidio" na propia lexislación "amosando que a violencia machista é unha cuestión política e social" e non "algo illado". 

A deputada nacionalista criticou con dureza a actitude do goberno español perante os asasinatos de mulleres e crianzas ocorridos este verán. "Se en vez de mulleres vítimas de violencia de xénero fosen asasinadas por outras razóns o estado paralizaría as súas vacacións para crear con urxencia un gabinete de crise". Porén, en troca, "existe unha relaxación e mesmo a crenza de que durante o verán é normal que morran máis mulleres". 

A este respeito Adán lembrou que "non son mulleres mortas" como acotío recolle a imprensa nas súas informacións senón "asasinadas". 

Comentarios