BNG reclama ao Goberno español que solicite a execución da sentenza do Pazo de Meirás

Néstor Rego defende que a Administración Xeral do Estado ten de reclamar xa a execución provisoria da sentenza.

Acción dos 19 de Meirás para exixir a devolución do pazo e denunciar as represalias da familia do ditador contra este colectivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acción dos 19 de Meirás para exixir a devolución do pazo e denunciar as represalias da familia do ditador contra este colectivo.

O BNG reclama ao Goberno español, por medio dunha iniciativa parlamentar no Congreso, solicitar a execución provisional da sentenza do xulgado de primeira instancia da Coruña que estabelece que o Pazo de Meirás forma parte do patrimonio público.

O portavoz do BNG na Cámara española, Néstor Rego, destacou que dita sentenza estabelece que “este inmóbel é propiedade do Estado e declara non válida a venda simulada coa que os herdeiros do ditador acreditaban a posesión da devandita propiedade a título particular”.

O deputado nacionalista salientou que “estamos diante dun feito histórico, cargado de grande simbolismo e relevancia”, pois é a primeira vez que unha sentenza recoñece que as actuacións para a entrega deste ben a Francisco Franco foron realizadas de forma ilegal e nun contexto de extorsión e terror.

Aliás, Rego afirmou que o BNG vai exixir que de forma inmediata, unha vez que o Pazo de Meirás estea nas mans de Patrimonio do Estado, que o Goberno inicie o proceso de transferencia á Galiza. O Deputado nacionalista enfatizou que a reclamación maioritaria no noso País é que o Pazo pertence “ao pobo galego”, e iso significa que ten de estar nas mans de institucións galegas.

O Parlamento galego posicionouse a principios deste mes de forma unánime a prol de reclamar ao Estado español a execución provisional da sentenza que o pasado mes de setembro concluíu que a propiedade do pazo de Meirás (Sada), que foi durante anos a residencia de verán do ditador, é pública, o que obriga a familia Franco, en cuxas mans segue a estar este conxunto patrimonial, a restituíla sen obter ningunha retribución.

A Cámara fixo tamén, grazas a unha iniciativa presentada polo deputado nacionalista Luís Bará na Comisión Institucional da Cámara, un recoñecemento ás persoas e entidades que durante décadas e nomeadamente nos últimos anos denunciaron o espolio e participaron no proceso de recuperación do pazo, un traballo que, aos seus ollos, posibilitou este fallo "histórico", segundo coincidiron en describilo os tres grupos parlamentares .

Comentarios