O BNG reclama ao Goberno español que acelere a execución do Corredor Atlántico de Mercadorías

A formación tamén exixe melloras da seguridade viaria na N-VI ao seu paso por Outeiro de Rei.
Néstor Rego no Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Néstor Rego no Congreso. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou esta quinta feira o rexistro de iniciativas na Cámara baixa para demandar ao Goberno español que cumpra o seu compromiso e estabeleza un calendario concreto para a execución das obras do Corredor Atlántico de Mercadorías.

Nun comunicado, o deputado nacionalista exixe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que acabe coa "discriminación histórica" que sofre a Galiza en materia de infraestruturas, após coñecer que só está executado 5% do orzamento total desta obra.

Tal como lembrou, o Corredor Atlántico formará parte da Rede Transeuropea de Transporte e, xunto co Corredor Central e Mediterráneo, será unha das principais vías de transporte da Península Ibérica, tanto para persoas como para mercadorías, permitindo a conexión co resto de Europa.

"A previsión inicial era finalizar esta actuación en 2025, pero agora forzas políticas, sociais e económicas galegas denuncian que non vai estar finalizada nin en 2030, porque todos os esforzos do Ministerio e do Goberno español céntranse na execución do Corredor do Mediterráneo", criticou o deputado nacionalista.

Rego lamentou "unha mostra máis" do desinterese do Goberno de Pedro Sánchez para cumprir coa Galiza e acabar coa discriminación que sofre o país. "O Executivo debe estabelecer un calendario para a execución desta obra e non atrasala nin un minuto máis", sentenciou.

Melloras de seguridade viaria na N-VI

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso tamén rexistrou novas iniciativas no Congreso para que o Goberno incorpore pasos de peóns no proxecto para a mellora da seguridade viaria na N-VI ao seu paso por Outeiro de Rei.

Neste sentido, a formación nacionalista demanda ao Executivo de Pedro Sánchez que rectifique e mellore o proxecto, por entender que se trata dunha vía de grande intensidade de tráfico, sendo necesario por iso asegurar o tránsito sen risco das persoas.

"Os pasos de peóns son imprescindíbeis para poder circular con seguridade nunha vía cunha elevada intensidade de tráfico como é a N-VI e que divide o núcleo urbano en dous", concluíu Rego.

Comentarios