Rego solicita ao Estado o uso da galego nas campañas

O BNG reclama ao Goberno do Estado o apoio aos medios en galego

A Carta Europea das Linguas chama aos Estados a velar polo uso das linguas oficiais de cada territorio.
O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Congreso dos Deputados unha iniciativa na que solicita que o Goberno español teña en conta nas súas campañas institucionais os medios  publicados en galego, medida que favorecería a normalización lingüística e daría cumprimento á Carta Europea das Linguas. Ao tempo, reclama ao Executivo de Pedro Sánchez que realice as campañas institucionais e de concienciación social en galego cando esa publicidade se vaia inserir en medios de comunicación ou xornais da Galiza.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que “no caso da Galiza, os Ministerios deberían incorporar e priorizar na selección de medios de comunicación e de prensa escrita en que inserir a publicidade institucional aqueles que máis utilizan o galego ou son publicados nesa lingua”. Neste sentido, entende que “contribuirían á promoción e normalización das linguas oficiais distintas do español e dos medios que utilizan esas linguas de forma exclusiva”.

“A Carta Europea das Linguas estabelece que os Estados parte -e o Estado español asinouna- se comprometen a velar polo uso das linguas oficiais de cada territorio”, sinala Rego, quen destaca que “a Carta estabelece o deber de favorecer e promocionar os medios de comunicación que empreguen linguas distintas do español, en consonancia co obxectivo xeral do acordo de eliminar toda exclusión ou restrición que poña en risco o mantemento ou o desenvolvemento das distintas linguas oficiais que conviven no Estado español”.

Veto a 'Nos Diario'

A iniciativa chega após facerse público que a Xunta da Galiza excluíu da súa liña de axudas para os medios de comunicación Nós Diario, malia tratarse do único diario en papel escrito na súa totalidade en lingua galega e malia cumprir os criterios recollidos na orde. Tras denegar as axudas a Secretaría Xeral de Medios e tras tombar o recurso presentado por Sermos Galiza S.A. -empresa editora de Nós Diario-, decidiuse acudir ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

A proposta de Rego busca, tamén, ampliar a presenza do galego na propaganda institucional do Estado. Neste sentido, critica que a campaña “Practica los buenos tratos: Por una vida libre de violencias machistas” previuse que “estivera dispoñíbel nas distintas linguas oficiais do Estado e mesmo en inglés mais o Ministerio só está a empregar a versión en español nos anuncios inseridos nos medios de comunicación galegos”. “A Administración estatal, como anunciante, ten o deber de controlar o contido que fai público así como os medios que se elixen para a inserción dos anuncios e ten tamén a obriga de favorecer con esa publicidade institucional a normalización lingüística do galego”, conclúe Rego.

Comentarios