BNG reclama a adopción de medidas de seguridade ante a chegada dun buque nuclear avariado á costa da Galiza

Insta o Goberno español a poñer en marcha os protocolos de seguridade e actuación para evitar riscos.
buque petroleiro barco hidrocarburos imaxe de marineinsight
photo_camera Imaxe de arquivo.

O BNG solicitou ao Goberno español que garanta que o buque ruso Sevmorput, impulsado por enerxía nuclear e que se atopa avariado, non teña acceso ás augas da costa da Galiza así como, o compromiso de que non utilizarán as rías galegas como porto de refuxio, pois considera que non existen garantías sobre a seguridade do barco.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, advertiu que o buque ruso que se atopa de volta a San Petersburgo, situouse onte preto das Illas Canarias, “nun custoso e lento percorrido en zigzag, prevéndose que se achegue á costa galega polo corredor de Fisterra que, neste momento, atópase en alerta por ventos de forza oito de compoñente sur e ondas de ata cinco metros de altura”.

"É intolerábel que despois de todas as catástrofes e desastres marítimos e ecolóxicos que sufriu Galiza, atopémonos unha vez máis mirando ao vento e cruzando os dedos" destacou Néstor Rego.

O BNG insta o Goberno español a poñer en marcha os protocolos de seguridade e actuación para evitar riscos e posíbeis “desastres ecolóxicos que ameacen de novo aos ecosistemas mariños e costeiros, desprazando os medios necesarios de salvamento marítimo tendo en conta o risco nuclear da emerxencia actual”.

Perto de 13.000 barcos con mercancía perigosa navegan cada ano fronte ás costas da Galiza. Navegan perante o noso litoral máis buques con cargamento de risco que no ano en que afundiu o Prestige (2002). As competencias en seguranza marítima continúan en mans do goberno central.

Comentarios