BNG quere que Feixoo explique no Parlamento o plan de vacinación e a evolución da pandemia

“Este Parlamento non pode estar inactivo mentres a evolución dos datos da pandemia mostran claramente que estamos de cheo na terceira onda”, dixo Ana Pontón.

Ana Pontón durante unha comparecencia.
photo_camera Ana Pontón durante unha comparecencia.

O BNG solicitou a celebración da Deputación Permanente para pedir a convocatoria dun pleno extraordinario e a comparecencia urxente do xefe do Executivo en base a dúas cuestións: para que explique as medidas do Goberno ante a evolución da pandemia e para que presente o plan de vacinación.

“O Parlamento non pode estar inactivo mentres a evolución dos datos da pandemia mostran claramente que estamos de cheo na terceira onda e cando o presidente da Xunta di que nos esperan días durísimos”, manifestou Ana Pon tón nun almorzo informativo onde explicou a prioridade do Bloque para este período de sesións: conseguir que Galiza supere canto antes a situación de emerxencia sanitaria e económica na que se encontra.

Para iso, -argumentou-, no aspecto sanitario é importante facer ben as cousas na xestión da pandemia e, na parte económica, conseguir un trato xusto nos fondos de reactivación europeos. No primeiro caso, Pontón reclamou a Feixóo “un cambio de rumbo, que supere dunha vez a improvisación e se anticipe aos problemas”, facendo fincapé no plan de vacinación que é o gran reto e a gran esperanza para conter e superar o virus.

“Só unha reflexión: para completar a vacinación das persoas usuarias e traballadoras das residencias, -un colectivo de 40.000 persoas-, Feixóo comunicou que precisaría un mes. A ese ritmo, o Goberno galego precisaríanse catro anos para completar a vacinación do 70% da poboación e seis para que a vacina chegue ao todos os galegos e galegas”, advertiu.

No ámbito sanitario o BNG demanda reforzar a atención primaria, “é obsceno que siga sen ter os recursos que precisa a estas alturas da pandemia”- declara-, incrementar os rastrexos e facer cribados masivos nas cidades e nos concellos máis afectados.

En relación á emerxencia económica a formación nacionalista aposta en conseguir un trato xusto e a xestión directa dos fondos europeos dos que, considera, debe recibir un mínimo de 12.600 millóns de euros e conseguir un modelo de financiamento autonómico que lle permita a Galiza xestionar o 100% dos recursos e fixar a súa política fiscal.

Comentarios