Casa Cornide

O BNG quere exhumar o posfranquismo

O BNG reclama desde a Casa Cornide a devolución do patrimonio roubado ao pobo galego por Franco e denuncia a existencia dun “posfranquismo” na Casa Real, na xustiza e na política da man de partidos “que traen involución democrática”.

FOTO ACTO BNG MEMORIA HISTÓRICA 2
photo_camera Pontón, Rego e Jorquera ante a Casa Cornide

Ana Pontón reclamou desde a Casa Cornide a devolución do patrimonio espoliado ao pobo galego polo franquismo e declarou que “non chega con exhumar os restos do Val dos Caídos, senón que é preciso ventilar este franquismo sen Franco”.

A Casa Cornide é un dos bens da familia Franco que foron espoliados en 1962 ao pobo galego. Desde o BNG voltan defender a adscrición deste ben ao patrimonio público, ao igual que demandaron reiteradas veces co Pazo de Meirás, tamén en mans da familia Franco.

Pontón afirmou o compromiso do BNG coa recuperación da memoria histórica en Galiza

Pontón afirmou o compromiso do BNG coa recuperación da memoria histórica en Galiza e sinalou que esta “non pode empezar e acabar na exhumación dos restos do Val dos Caídos, porque aquí temos un franquismo sen Franco que queremos exhumar e para iso necesitamos que nos devolvan a Casa Cornide, o Pazo de Meirás ou as estatuas de Isaac e Abraham”, salientou a portavoz nacional do BNG.

No acto tamén participou o candidato nacionalista pola Coruña ao Congreso, Néstor Rego, que é un dos 19 de Meirás pendentes dun xuízo “no que se xogan anos de cadea por defender algo de elemental sentido democrático que é a devolución do Pazo de Meirás”, denunciou Pontón

Pontón sinalou que a Casa Real presionou ao goberno de Sánchez para que non presentara unha demanda civil de recuperación do Pazo de Meirás

Desde este símbolo da espoliación ao pobo galego polo franquismo, Ana Pontón sinalou que a Casa Real presionou ao goberno de Pedro Sánchez para que non presentara unha demanda civil de recuperación do Pazo de Meirás.

Co lema “Franquismo nunca máis, que nos devolvan o roubado”, que se puido ler na faixa pendurada desde a fachada da Casa Cornide, o BNG esixiu de novo a devolución deste ben ao patrimonio público galego, como xa fixo o pasado 26 de setembro nun acto que derivou en xuízo por petición do neto de Franco. A faixa despregada tamén tiña un retrato do Rei e de Franco. A este respecto, Pontón asegurou que “non lle sorprende a conexión entre Monarquía e Franquismo pois todo empezou co ditador nomeando como sucesor ao actual rei emérito”.

Comentarios