BNG quer traducir en votos o 28A a "dinámica á alza" na que ve a organización nacionalista

Activa a comisión electoral cara ás eleccións xerais de abril e ás locais e europeas de maio. Rubén Cela vai ser o coordenador político da campaña, que prorizará o "contacto directo" coa cidadanía e apostará na incorporación de independentes nas candidaturas e a feminización das listas

Executiva nacional do BNG
photo_camera FOTO: Executiva nacional do BNG

O BNG enfronta o 28 de abril como unha “oportunidade” para que Galiza volva ter o protagonismo político que as e os nacionalistas consideran que perdeu nesta lexislatura. Volver dotar a Galiza de voz propia no Congreso, afirman. Queren, indican nun comunicado, que haxa unha tradución en forma de votos da “dinámica á alza” que afirman que experimenta o Bloque e que ten un dos seus reflexos na incorporación de nova militancia. Entre estas novas adhesións, están as feitas públicas polo escritor Suso de Toro, a vocalista de De Vacas Faia Díaz ou a do actor Miguel Pernas.

O BNG ven de activar a súa comisión electoral de cara aos comicios que se aveciñan, tanto para a cita das eleccións xerais do 28 de abril como para os comicios municipais e europeos previstos para o 26 de maio. A formación nacionalista indica que concorre a eses procesos electorais “cohesionada, cun liderado claro e cun proxecto político ben definido”. Aposta nunha campaña “en contacto directo coa cidadanía, cercana, con prioridade ao desenvolvemento de axendas nas que se prime o contacto social”, que tamén se reflectirá na composición das candidaturas cunha aposta “pola incorporación de persoas independentes e pola feminización das listas”.

En relación aos comicios do 26 de maio, márcase como obxectivo reforzar as alcaldías que xa lidera e incrementar o número de municipios baixo mando nacionalista así como o número de concelleiros e concelleiras por todo o país. E no ámbito europeo, confía que a súa alianza electoral con EH-Bildu e ERC servirá para "afianzar a representación do escano galego" na Eurocámara.

Rubén Cela asume a dirección da campaña desde a súa responsabilidade de coordinador de política xeral, dentro dunha comisión electoral que tamén está integrada por Eva Vilaverde para a coordinación da campaña nas sete grandes cidades; Bieito Lobeira, como responsable de coordinación territorial e loxística; Carme da Silva e Nestor Rego en programas e Xavier Campos para imaxe e comunicación.

Comentarios