O BNG quer traducir as reivindicacións do 8M en "cambios reais" a partir do 5-A

Aseguran que "é a hora do feminismo" e fan un chamamento para lograr un Día da Muller "histórico".

BNG Olalla Noa
photo_camera Olalla Rodil e Noa Presas (BNG)

As deputadas nacionalistas Olalla Rodil e Noa Presas marcan no calendario o vindeiro 8 de marzo como "o comezo" para traducir as reivindicacións do Día Internacional da Muller Traballadora "en cambios reais" a partir das eleccións do 5 de abril.

Dende o BNG están convencidos de que "é a hora do feminismo" e que o 8 de marzo debe imitar as mobilizacións do tres pasados anos, nas que Galiza "protagonizou importantes paróns" e grandes manifestacións en 2017, 2018 e 2019, proclamaron Rodil e Presas esta quinta feira ante os medios de comunicación.

Baixo o lema: "É a nosa hora de conquistar dereitos, é hora de corresponsabilidade nos coidados, é hora de igualdade salarial, é hora de que só si sexa si, e é hora de feminismo", o partido chama á mobilización dende "todas as localidades e comarcas".

Tamén apuntan ao 1 de marzo como o limiar dun 8M "histórico". Ese día a plataforma 'Galegas 8M' convoca unha manifestación en Verín para a que se mobilizarán buses desde distintos puntos do país e na que se visibilizará que "sen coidados non hai vida".

Neste sentido, o Bloque considera a capital da comarca de Monterrei como un "símbolo feminista e dos dereitos das mulleres" que se demostrou coa resposta da rexión ante o peche do paritorio do hospital e as urxencias pediátricas o pasado decembro.

Eixos

Desde esta perspectiva, ratificaron o seu compromiso "como forza política" de "contribuír" ao movemento feminista "levando as prioridades do 8M ao programa" do BNG.

En concreto, Olalla Rodil trasladou tres ideas que constitúen "os eixos programáticos" do BNG. O primeiro será a creación "dunha nova lei de Igualdade que supere á de 2004, se adapte á realidade actual" e "pivote sobre a fomentación da corresponsabilidade" nos coidados entre o home e a muller, así como o "despregamento dunha rede de servizos públicos que garanta a conciliación real".

O Bloque tamén propón "auditar" estes servizos públicos que de forma parcial ou total están sufragados pola Xunta. O obxectivo é "visibilizar as condicións laborais" das traballadoras que se dedican ao coidado de persoas dependentes para así "garantir" un emprego "digno e xusto" que se axuste aos seus convenios colectivos.

A terceira medida pasa por crear unha Valedoría da Igualdade que "garanta combater calquera forma de discriminación contra as mulleres" tanto no ámbito público como privado e que teña capacidade para "sancionar organismos que vulneren os dereitos salariais ou laborais" das mulleres.

"Fartas"

A realidade que trasladan é que están "fartas" de que "o PP e as súas marcas brancas cuestionen os dereitos das mulleres", "fartas de levar o peso dos coidados e dos servizos públicos precarizados e devaluados". Explican que "máis do 75% das excedencias para coidar a persoas dependentes" e "máis do 90%" para facerse cargo dos fillos cóllenas as mulleres.

Critican tamén as "políticas natalistas" do Goberno de Feijóo, que "naceron fracasadas" como "demostrou o proxecto errado de impulso demográfico".

Igualmente lembran que están "fartas" da brecha salarial entre homes e mulleres, a violencia machista e as "políticas de igualdade ermas" do PP.

Comentarios