BNG e PSOE presentan moción de censura na Deputación de Lugo

A moción foi rexistrada esta sexta feira e será debatida o 8 de outubro en sesión plenaria. O PP tilda de "vergoña" o acordo. 

BNGLugo
photo_camera [Imaxe BNG Lugo]

BNG e PSdeG-PSOE presentarán moción de censura na Deputación provincial de Lugo, gobernada após as eleccións municipais polo PP logo de que o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, se votase a si propio e posteriormente en branco. 

A moción será votada en sesión plenaria o 8 de outubro ás 12.00h. Ora ben, as negociacións aínda non remataron. 

En comparecencia de imprensa o que previsibelmente será elixido presidente do ente provincial, o rexedor da Pontenova Darío Campos, asegurou que o acordo permitirá que a Deputación "deixe de ser unha delegación da Xunta de Galiza" para recuperar o "goberno de progreso e nacionalista" que xeriu a institución os últimos 8 anos. "Nunca debeu estar en mans do PP", acrecentou o alcalde do PSOE. 

"O goberno da Deputación de Lugo nunca debeu estar en mans do PP"

Neste senso, sinalaron que darán continuidade aos proxectos iniciados nas anteriores lexislaturas e que nalgúns casos foran paralizados polo Partido Popular. Para isto, desenvolverán un "programa de colaboración e progreso", explicou Campos. 

Ambas as dúas formacións, non aclararon na comparencia desta sexta feira cales son os detalles do acordo alcanzado para rexistrar a moción de censura. Neste senso, a dúbida paira a respeito do papel que xogará o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, na nova equipa de goberno. 

Fontes consultadas por Sermos Galiza non aclararon se, como recolle a axencia de noticias EFE, Martínez ocupará a responsabilidade de Vías e Obras e aseguraron que "aínda estamos a falar" polo que o acordo non estaría fechado. 

Así as cousas, o deputado provincial do BNG, Antonio Veiga, sinalou que "os escollos que había" para proceder a rexistrar a moción de censura --que inclúe a sinatura de Manuel Martínez-- "xa non os hai". Pola súa banda, Darío Campos asegurou que "o que el quería" [Martínez] "era estar no goberno e vai estar". 

"Moción da vergoña"

Pola súa banda, Elena Candia (PP), até o momento presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Mondoñedo, amosouse en comparecencia de imprensa após rexistrarse a moción "satisfeita polo traballo feito" ao ter cumprido, dixo, "cos nosos compromisos dentro das limitacións temporais". 

Candia tildou o acordo entre BNG e PSOE como "un instrumento" para "arranxar internos dos partidos". 

Máis duro foi o director de campaña do PP, José Manuel Rey Varela. O que fora alcalde de Ferrol e actual presidente da Fegamp, tildou de "moción da vergoña" o acordo. "É unha vergoña que dous partidos políticos, após todo o que se dixeron entre eles, sexan capaces de alcanzar nos despachos unha moción". 

Comentarios