O BNG e o PSOE intercambian propostas e adían a reunión até a semana próxima

O deputado nacionalista Néstor Rego rexistra no Congreso unha serie de preguntas ao Goberno sobre o protocolo seguido no accidente do Blue Star e avanza que o BNG presentará unha proposición de lei para a transferencia das competencias de Salvamento Marítimo a Galiza.

Néstor Rego, esta semana no Congreso. (BNG)
photo_camera Néstor Rego, esta semana no Congreso. (BNG)

O traballo parlamentario no Congreso segue freado e pendente da formación do novo Goberno. En metade das negociacións, os grupos aproveitan para ir introducindo as súas axendas. O BNG rexistrou esta quinta feira unha serie de preguntas sobre o accidente de Blue Star nas que interpelan ao Goberno do Estado sobre as circunstancias que rodearon o sinistro e as medidas adoptadas nos días posteriores.  

Mentres, a reunión entre o deputado nacionalista Néstor Rego e os negociadores do PSOE que procuran apoios á investidura de Pedro Sánchez entre os grupos minoritarios adíase até a semana próxima. “Esta semana houbo troca de propostas”, explica Rego a Sermos Galiza. “Non sei que tempo nos levará isto, pero me parece que o PSOE asume que non haberá investidura antes de xaneiro”. Rego di que non dispón de información directa sobre a marcha das conversas entre os socialistas e Unidas Podemos para a formación da coalición, mais apunta que ten “a impresión” de que “vai saír”. 

O deputado nacionalista sinala ademais que “a chave” da investidura de Pedro Sánchez tena ERC. “Irá adiante na medida na que ERC acorde co PSOE”, conclúe.

Esta quinta feira, Néstor Rego avanzou que o BNG presentará unha proposición de lei para reclamar a transferencia a Galiza das competencias de Salvamento Marítimo, e advertiu sobre outro problema que produciu o accidente do Blue Star. “Encallou nunha zona, a da illa de Miranda, na que hai pesca e marisqueo, e o perímetro que se estableceu impide desde hai semanas a pesca de baixura, o marisqueo e outras actividades produtivas. O Goberno non di nada, e cremos que nin se dirixiu as confrarías afectadas. Nós queremos saber que compensacións económicas se lles van dar ás afectadas”.

Polo de agora, o BNG ve limitada a súa actuación política ao rexistro de preguntas parlamentarias. Na serie presentada esta quinta feira, Rego cuestiona a decisión de mandar saír o buque de Ares para A Coruña e as razóns de non ter actuado con urxencia no baleirado dos tanques ou a decisión de non instalar barreiras contra a contaminación.

A pasada cuarta feira, Rego presentou no Congreso unha pregunta escrita dirixida ao Goberno a respecto a nova poxa de interrompibilidade que foi publicada no BOE o 3 de decembro do 2019 e que empeora as condicións para a industria electrointensiva.

Comentarios