BNG e PSdeG volverán criticar a situación da Atención Primaria na comparecencia de Comesaña no Parlamento

Ana Pontón e Luis Álvarez preguntarán a Alfonso Rueda sobre as políticas de vivenda e sociais, respectivamente.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nun pleno do Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, no pleno do Parlamento galego (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparecerá no próximo pleno do Parlamento galego, que decorrerá os días 4 e 5 de outubro, para informar dos avances nas medidas que están en marcha como "reforzo da Atención Primaria", despois das críticas recibidas por parte de BNG e PSdeG ante a falta de recursos nos centros sanitarios do país.

Será nunha sesión con marcado contido sanitario, na que tamén se votará o proxecto de lei de medidas extraordinarias para impulsar a provisión de postos de difícil cobertura no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Trátase dun texto que chega á súa aprobación final despois de que no pleno desta mesma semana os votos da maioría absoluta do PP galego permitisen tramitalo pola vía de urxencia por lectura única, a pesar das críticas da oposición por empregar este método que "furta o debate" parlamentario.

O Goberno galego remitiu ao Parlamento esta norma coa intención de estender a provisión por concurso de méritos ás prazas de difícil cobertura en Atención Primaria, hospitais comarcais e saúde mental, entre outras medidas.

Sesión de control a Rueda

Mentres tanto, o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, someterase a unha sesión de control na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cuestionarao sobre as medidas adoptadas para garantir o dereito da cidadanía á vivenda. Pola súa parte, o portavoz parlamentario socialista, Luis Álvarez, preguntaralle sobre políticas sociais. 

BNG e PSdeG tamén preguntarán ao Goberno galego sobre a súa política ambiental e cuestións económicas vencelladas, principalmente, ao Sergas.

Proposicións non de lei

A sanidade tamén marcará as proposicións non de lei (PNL) levadas ao próximo pleno, desde unha do BNG para restituír os dereitos do persoal sanitario que foron "suspendidos" no ano 2010 por parte do primeiro goberno de Alberto Núñez Feixoo, até outra dos tres grupos sobre a asistencia a persoas afectadas por enfermidades raras.

Comentarios