Acordos de goberno

BNG e PSdeG pactan un goberno nacionalista e progresista en Pontevedra

Pontevedra terá un goberno de coalición en base o acordo asinado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, en nome do BNG, e o vindeiro tenente de alcalde, Tino Fernández, polo PSdeG. O pacto dará estabilidade á corporación e permitirá continuar o modelo de cidade impulsado polo Bloque e que desde o PSdeG tamén aseguran partillar.

Miguel Lores e Tino Fernández após a sinatura do acordo de goberno.
photo_camera Miguel Lores e Tino Fernández após a sinatura do acordo de goberno

A cidade do Lérez contará cun goberno “nacionalista e progresista”, afirma no prólogo o acordo acadado polo BNG e o PSdeG de cara á constitución da corporación municipal de Pontevedra que se celebrará este sábado 15 de xuño.

O acordo, redactado a modo de programa e compromiso, foi asinado polo alcalde en funcións e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, en representación do BNG, e polo aspirante do PSdeG, Tino Fernández, quen será tenente de alcalde.

Para Miguel Lores trátase dun “bo acordo” que recolle “o mellor” dos programas de ambas formacións

Ambos manifestaron a vontade de que a coalición dure todo o mandato. A mesma estará rexida polos principios de lealdade e respecto mutuo, conformando un "goberno único sen prexuízo da autonomía nas áreas de xestión" nunha "actuación coordinada".

O diálogo será continuo entre ambas formacións e comprométense a resolver “polas vías estabelecidas” as posíbeis discrepancias e, para tal fin, haberá unha comisión paritaria de seguimento.

Para Tino Fernández o pacto alcanzado marca unha folla de ruta clara para afondar nun proxecto de cidade no que ambos partidos cremos profundamente

Para Miguel Lores trátase dun “bo acordo” que recolle “o mellor” dos programas de ambas formacións. Segundo Tino Fernández o pacto alcanzado marca “unha folla de ruta clara, equilibrada e compensada para afondar nun proxecto de cidade no que ambos partidos cremos profundamente".

O Bloque Nacionalista Galego gobernou os últimos catro anos en solitario, mais desta volta optou por alcanzar o pacto co PSdeG. Nas eleccións do pasado 26 de maio, o BNG resultou forza máis votada en Pontevedra, afianzando o seu modelo de cidade e obtendo 11 actas, unha menos que en 2015 debido a perder 83 votos. Como segunda forza situouse o PP, que subiu de sete a nove edís e logrou o 30% dos apoios. O PSdeG subiu tamén dos tres aos catro edís e fíxose co 14% do voto, mentres que Ciudadanos mantivo a súa acta. Marea de Pontevedra perdeu as dúas actas con que contaba e quedou no 3,5% do voto.

Compromisos acadados

O acordo de goberno asinado por BNG e PSdeG sinala que o goberno municipal rexerase polos principios de "cohesión social, respecto pola nosa identidade, equilibrio territorial, equidade, políticas redistributivas en beneficio das persoas con maiores dificultades e limitacións, fomento da igualdade real, posta en valor dos nosos recursos naturais e culturais, respecto pola diversidade".

Ambas formacións demandan no acordo o uso público para o edificio de Facenda e para o Hospital Provincial, así como manter unha política de oposición frontal á permanencia de Ence na ría de Pontevedra e “impulsar todas as medidas para conseguir o seu traslado".

O acordo tamén recolle a aposta en potenciar os servizos sociais e aplicar medidas para a creación de emprego

O acordo tamén recolle a aposta en potenciar os servizos sociais e aplicar medidas para a creación de emprego. Ademais, avógase por aprobar un novo contrato de lixos que inclúa a universalización da recollida separada dos residuos urbanos cun sistema de tratamento baseado na compostaxe.

Así mesmo, o acordo feito público por ambas formacións prioriza para este mandato lograr un avance nas infraestruturas dependentes da administración central como a autovía A-57, a remodelación do cruce de Bombeiros e o paseo até Marín. Tamén persegue lograr o impulso das infraestruturas e dotacións dependentes da Xunta, en especial o Hospital de Montecelo, a variante de Alba, a residencia da terceira idade, a estrada de Vilagarcía, o saneamento integral da ría e a dragaxe do río e da ría.

No pacto de goberno tamén se inclúe a aposta en elaborar novas ordenanzas de mobilidade e protección animal

No pacto de goberno tamén se inclúe a aposta en elaborar novas ordenanzas de mobilidade e protección animal, implantar carrís bici en vías que o permitan, reorganizar o transporte urbano en coordinación coa Xunta, a creación de novas infraestruturas deportivas e o aumento de axudas aos clubs e reforzo da programación cultural.

Comentarios