sábado 27/02/21

BNG e PSdeG cargan contra a lei de impulso demográfico por "natalista"

O PP prioriza o concepto 'familia' ao de 'fogar'
O presidente Alberto Núñez Feixoo no pleno de orzamentos do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza)
O presidente Alberto Núñez Feixoo no pleno de orzamentos do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza)

Luz verde e definitiva á lei de impulso demográfico, unha norma que pretende reverter a perda poboacional da Galiza e que o PP cualifica de “pioneira” no Estado e en Europa, mentres a oposición a critica por fiar a recuperación demográfica ás políticas “natalistas”.

A norma, que unicamente contou cos votos do PP no pleno desta terza feira, 26 de xaneiro, no Parlamento, lexisla sobre reprodución asistida, introduce bonificacións de peaxes a familias numerosas en estradas galegas e amplía o concepto de 'familias monoparentais', para as que a Xunta deberá elaborar un plan de apoio -no prazo dun ano- e un rexistro -en seis meses-.

O BNG pediu a devolución da lei por falta de concreción e por insitir en “políticas natalistas fracasadas”, desatender "a realidade galega actual, na que medran os fogares unipersoais e monoparentais", e pola "ausencia de compromiso real cos dous elementos chave: a migración e a lonxevidade".

Así o explicou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, que demandou unha “lei universal, inclusiva e que atenda as realidades múltiples e diversas que existen no país”, non como a presente norma que “fronte ao concepto integrador de fogar, vertébrase desde a visión reducionista e conservadora do de familia”, argumentou, logo de explicar que o ‘fogar’ pode ser unipersoal, mentres que a ‘familia’ ten que constar, segundo o Observatorio Demográfico da Galiza, de polo menos dous membros, e engadiu que cada vez son máis os fogares unipersoais e monoparentais".

Tamén a deputada Marina Ortega (PSdeG) criticou o texto por "natalista" e carente de "compromiso real", porque non "blinda" servizos en educación e sanidade, e preguntouse "de que serve un cheque infantil se logo non temos pediatra para levar o noso fillo?".

Recuperación de terras

A lei de recuperación de terras, que busca dotar de máis base territorial as explotacións agrarias, comezou a súa tramitación no Parlamento. A deputada Elena Candia (PP) destacou que o proxecto se rexe por principios como o "absoluto respecto" á propiedade privada e ferramentas para aumentar a base territorial de explotacións e o reforzo da capacidade de investigación da Galiza para detectar terras abandonadas.

A oposición lamentou que a lei non estea pensada para "mudar as cousas" e recriminou que as políticas do PP levan "un de cada tres concellos cara á desaparición", mentres os populares "falan de aldeas modelo".

O PP rexeita a iniciativa para superar a fenda dixital

O PP non se moveu do "non" no pleno, rexeitando coa súa maioría absoluta todas as mocións presentadas polo BNG, coas que pedían medidas para mellorar o emprego xuvenil e a dixitalización do rural, e votaron en contra tamén da inciativa do PSdeG sobre un novo modelo eólico.

O deputado nacionalista Daniel Castro presentou unha iniciativa mediante a que propuxo actuacións para mellorar a dixitalización do rural e reducir a "fenda dixital". "As e os galegos non poden desenvolver o seu traballo, os seus estudos ou parte do seu lecer do mesmo modo que outros cidadáns do Estado español polo simple feito de vivir na Galiza", expuxo Castro, que denunciou un "déficit de banda larga", a baixa "alfabetización dixital" e a falta de cobertura de zonas do rural.

Ante estas cuestións, instou a Xunta a aumentar o número de aulas CeMIT, levar a conexión de banda larga á totalidade do país, promover plans de conexión do rural, así como a impulsar os mecanismos necesarios, en colaboración co Goberno do Estado, para non deixar a Galiza atrás na repartición de fondos europeos para a dixitalización.

Tras este debate, o deputado do BNG Paulo Ríos defendeu unha proposta con iniciativas orientadas a mellorar a empregabilidade da mocidade e reducir a precariedade. Así, propuxo realizar un estudo sobre a situación laboral deste colectivo, un novo plan dotado coas partidas orzamentarias que fosen necesarias para o desenvolvemento de programas que favorezan a creación de emprego xuvenil estábel, levar a cabo políticas de vivenda que permitan o acceso ás mesmas por parte da xente moza e adoptar medidas para reverter a "fuga de talento".

O parlamentario denunciou a temporalidade do emprego xuvenil, os baixos salarios e a destrución de traballo. 

Novo modelo eólico

Por último, na sesión, o deputado socialista Martín Seco instou a Xunta a "pactar un novo modelo eólico" para "corrixir as deficiencias" do sistema. Seco instou a Xunta a "negociar" este novo modelo "coa participación de todos os sectores implicados" e pór así "solución aos múltiples problemas de transparencia, participación, asesoramento e garantías ambientais, xerados polos consecutivos regulamentos do PP desde o ano 2010" e á indefensión da cidadanía no rural.

comentarios