ACTOS EN LUGARES EMBLEMáTICOS DO PAíS

O BNG protesta contra a “política inhumana” da UE coas refuxiadas

Puntos destacados do país acolleron na mañá do sábado actos simbólicos de protesto do BNG contra as políticas da UE que soportan as persoas refuxiadas, unhas políticas “que nos avergoñan”, advertiron as nacionalistas.

TORRE HERCULES ACTO APOIO REFUXIADOS2

Chamar a atención sobre a crise humana que padecen as persoas refuxiadas foi o obxectivo dunha serie de actos simbólicos do BNG que tiveron lugar na mañá do sábado en lugares emblemáticos do país, como a Torre de Hércules, a catedral de Santiago, O Castro de Vigo, a Muralla de Lugo, As Burgas de Ourense ou a ponte internacional de Tui.

Con cartaces e pancartas co lema “Galiza c@s refuxiad@s, a militancia nacionalista solicitou “a anulación inmediata do acordo UE-Turquía” e “unha política de asilo que dea acollida ás miles de persoas que petan nas portas de Europa fuxindo da guerra ou da miseria”. Precisamente o Bloque cargou contra a política exterior dos países occidentais, unha “política imperialista practicada ou auspiciada tanto desde Europa como desde os EUA”.

O BNG critica o "cinismo" do Estado español por ter acollido tan só 18 persoas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sumouse ao acto convocado ao pé da Torre de Hércules, na Coruña, onde esixiu romper co acordo “ilegal e inmoral” que permite a deportación de milleiros de persoas refuxiadas. A dirixente nacionalista criticou “o cinismo” do Estado español após se comprometer a recibir milleiros de refuxiados e ter acollido tan só 18.

O “mercadeo” de persoas provócalle ao Bloque “rabia e indignación”, así como a desaparición de crianzas ou a morte de persoas polo frío.

Eleccións galegas

Preguntada polos medios a respeito da iniciativa dun grupo de militantes que queren postular Ana Pontón como cabeza de lista do BNG á presidencia da Xunta, a dirixente do Bloque sinalou que “é un apoio que me reconforta e que me fai reflexionar, mais é unha decisión de moita responsabilidade que non se pode tomar á lixeira”.

Recoñeceu que “si ten influencia o feito de que tantos compañeiros e compañeiras me amosen o seu apoio e me pidan que dea un paso adiante”. Anunciou que nos próximos días dará a coñecer a súa decisión.

Comentarios