Chamar a atención sobre a crise humana que padecen as persoas refuxiadas foi o obxectivo dunha serie de actos simbólicos do BNG que tiveron lugar na mañá do sábado en lugares emblemáticos do país, como a Torre de Hércules, a catedral de Santiago, O Castro de Vigo, a Muralla de Lugo, As Burgas de Ourense ou a ponte internacional de Tui.
Con cartaces e pancartas co lema “Galiza c@s refuxiad@s, a militancia nacionalista solicitou “a anulación inmediata do acordo UE-Turquía” e “unha política de asilo que dea acollida ás miles de persoas que petan nas portas de Europa fuxindo da guerra ou da miseria”. Precisamente o Bloque cargou contra a política exterior dos países occidentais, unha “política imperialista practicada ou auspiciada tanto desde Europa como desde os EUA”.
O BNG critica o "cinismo" do Estado español por ter acollido tan só 18 persoas
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sumouse ao acto convocado ao pé da Torre de Hércules, na Coruña, onde esixiu romper co acordo “ilegal e inmoral” que permite a deportación de milleiros de persoas refuxiadas. A dirixente nacionalista criticou “o cinismo” do Estado español após se comprometer a recibir milleiros de refuxiados e ter acollido tan só 18.
O “mercadeo” de persoas provócalle ao Bloque “rabia e indignación”, así como a desaparición de crianzas ou a morte de persoas polo frío.
Eleccións galegas
Preguntada polos medios a respeito da iniciativa dun grupo de militantes que queren postular Ana Pontón como cabeza de lista do BNG á presidencia da Xunta, a dirixente do Bloque sinalou que “é un apoio que me reconforta e que me fai reflexionar, mais é unha decisión de moita responsabilidade que non se pode tomar á lixeira”.
Recoñeceu que “si ten influencia o feito de que tantos compañeiros e compañeiras me amosen o seu apoio e me pidan que dea un paso adiante”. Anunciou que nos próximos días dará a coñecer a súa decisión.