CHAMAMENTO á CIDADANíA E A OUTRAS FORZAS

O BNG proporá unha convocatoria plural para Galiza ter “representación potente” no Congreso

Reforza o papel das asembleas abertas na toma de decisións, de cara a acordos electorais en concellos e deputacións, así como a estratexia para os próximos comicios. 

Consello Nacional do BNG (Foto: Efe)
photo_camera Consello Nacional do BNG (Foto: Corral]


O BNG proporá á cidadanía e a outras forzas políticas unha convocatoria para que Galiza conte cunha “representación potente” no Congreso dos Deputados. Foi unha das decisións acordadas durante o Consello Nacional, o primeiro que celebra a fronte nacionalista após os comicios do 24 de maio.

O Consello Nacional destacou o incremento de 43.000 votos fronte as pasadas autonómicas -onde habitúa a conseguir mellores resultados- e o aumento de número de concellos onde gobernará a formación nacionalista, que duplica as súas maiorías absolutas. Analizaron os resultados “modestos” na maior parte das cidades, coa excepción de Pontevedra e con especial preocupación nos casos de Ourense e Vigo, onde perdeu representación institucional.

O BNG resaltou o papel das asembleas abertas, que reforzará de cara aos seguintes compromisos. “Foi unha ferramenta moi positiva para afondar no diálogo coa base do nacionalismo, -militantes e non militantes-, e para ampliar e reforzar a incidencia social do proxecto nacionalista. Iso ten que continuar e medrar”, sinalou o portavoz nacional Xavier Vence, segundo nota de prensa.

Papel central das asembleas abertas

"As asembleas abertas foron unha ferramenta moi positiva para afondar no diálogo coa base do nacionalismo, militantes e non militantes", salientou Vence.

Por ese motivo, decidiron trasladar ás asembleas abertas a decisión sobre posíbeis acordos electorais en concellos e deputacións, así como a estratexia das futuras citas electorais. Sobre a fórmula para concorrer ás xerais, Vence salientou que o obxectivo é “acadar unha gran representación nacionalista no Congreso para que Galiza como nación este presente”, con grupo parlamentario propio.

Temos por diante un traballo para concretar medidas e procesos que nos permitan reconectar con a base social urbana, coa prioridade da xente moza no ámbito urbano que é un flanco que temos que resolver. A ferramenta das asembleas abertas é un instrumento acaído nesa dirección, pero exploraremos tamén outras fórmulas”, apuntou o portavoz nacional do BNG.

O Consello Nacional valorou a posibilidade de entrar nos goberos das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Porén, recordou a súa posición de que as competencias destas entidades teñen que pasar aos concellos ou a estruturas comarcais. En todo caso, aposta por levar a cabo unha xestión transparente, democrática, libre de clientelismo e con criterios de equilibrio social e territorial. 

Comentarios