BNG propón modificacións fiscais que suporían 200 millóns de euros máis para os orzamentos galegos

Emenda á totalidade dos nacionalistas aos orzamentos da Xunta para 2019.

noa presas luis bará bng

O BNG presenta unha emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos de 2019 que implica modificar o destino de mil millóns de euros, ao tempo que anuncia unha serie de medidas impositivas para lograr "un modelo fiscal máis xusto socialmente", que permitiría recadar 200 millóns de euros. “Pretendemos unha nova política fiscal que achegaría máis recursos para fortalecer os servizos públicos, dar un impulso á economía e adaptar o modelo fiscal á Galiza do século XXI, as novas necesidades e ao criterio de xustiza social”, explicou a portavoz de Economía, Noa Presas.

Así, os nacionalistas porpoñen unha “progresividade real” para o IRPF e o imposto de patrimonio e suprimir as "modificacións regresivas" introducidas polo PP no imposto de sucesións. Xunto coa proposta para estas figuras impositivas,  o BNG pon sobre a mesa a creación de cinco novos tributos: un imposto ás grandes superficies comerciais que calculan que achegaría 30 millóns de euros, un imposto ás bebidas con exceso de azucre, que defenden que recadaría 11 millóns; un imposto aos servizos e comunicación electrónicas a pagar polos operadores de telefonía, cuxa recadación sería de 5 millóns de euros e tería como destino finalista apoio ao sector cultural audiovisual.

Igualmente,  un imposto ás vivendas que leven máis de dous anos baleiras cando os inmobles sexan propiedade de persoas xurídicas, “coa finalidade de evitar que se condicione o mercado por parte de fondos voitre ou de entidades financeiras como a Sareb”, explicou Presas. E, finalmente, un imposto ás redes de alta tensión para exportar enerxía eléctrica a outro territorios “polo seu impacto ambiental e visual”, que achegaría1 millón de euros.

Con esta batería de novos impostos e incrementando a progresividade dos que xa existen, o Bloque estima unha recadación de 200 millóns de euros adicionais para nutrir os orzamentos de 2019.


 

Lei acompañamento

O BNG volveu denunciar a utilización da lei de acompañamento dos orzamentos “como mecanismo perverso” para introducir modificacións pola porta de atrás en até un total de 35 normas, decretos e leis “sen transparencia, sen os correspondentes informes sectoriais e sen consultar as persoas afectadas”, explicou o deputado Luís Bará.

En concreto, denuncia un “pelotazo urbanístico” no concello de Mós utilizando a lei de acompañamento para modificar un artigo da Lei do Solo co único obxectivo de conceder a empresas privadas a capacidade de expropiar terreos para construír un complexo deportivo unido a un gran centro comercial.


“Co nome de Cidade Deportiva do Celta en Mos agochase unha tapadeira dun gran macrocentro comercial na área de Vigo, -mediante unha modificación puntual do PXOM de Mos que xa se da por feita-, que ocupará 142.000 metros cadrados de extensión e 120.000 metros cadrados de edificabilidade. Non vemos por ningún lado interese público neste macrocentro promovido por unha entidade privada como é o Celta de Vigo, que no futuro pode ser capital catarí o chinés”, alegou.


 


 

Comentarios