O BNG propón un modelo fiscal no que tributen máis a banca, as rendas altas e os grandes patrimonios

O portavoz nacional Xavier Vence afirma que os orzamentos implican manter desemprego e desigualdade.

Xavier Vence [Imaxe: SG]
photo_camera Xavier Vence [Imaxe: SG]

O BNG considera que os orzamentos de 2015 constatan que o modelo de financiamento actual está “esgotado” e resulta discriminatorio para Galiza, que segue a recibir menos do que lle corresponde afondando nunha balanza fiscal negativa. Así o manifestou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, para o que as cifras plasmadas no proxecto enviado a Cámara “non son realistas”. O BNG formula catro propostas concretas para aumentar os ingresos públicos.

Incrementar o IRPF ás rendas superiores a 100.000 euros, aumentar o imposto sobre o patrimonio para as grandes fortunas cunha escala de tramos, crear unha taxa ás grandes superficies para frear un modelo que engole o comercio local. Por último, aplicar un imposto aos depósitos bancarios, para aumentar os ingresos públicos a través das rendas financeiras.

“Un modelo alternativo no que as rendas altas, os grandes patrimonios e a banca aporten máis ás arcas públicas”, explicou Vence, avanzando que estás serán propostas que defenderá o BNG no Parlamento durante o debate dos orzamentos e da lei de acompañamento.

Recortes

“Continúan a política de recortes que aplica Feijóo desde 2009, non serven para reactivar á economía, non crean emprego e degradan os servizos públicos como a sanidade ou a educación”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen avanzou que só servirán para “prolongar a crise e a destrución de emprego, sobre todo nun contexto no que volve asomar a recesión”.

“Como pode Feijóo e o PP falar de rexeneración democrática e persistir nesta forma escurantista de lexislar que só serve para atender intereses inconfesables de lobbies ou poderes amigos do Partido Popular?” , denunciou Vence.

Máis en POLÍTICA
Comentarios