O BNG propón un servizo público de canguros para axudar a conciliar

Ana Pontón critica que “tres meses despois do feche dos centros educativos e infantís, o presidente da Xunta non achegou ningunha solución ás nais e pais".
Ana Pontón e Goretti Sanmartín en casa de María e Quique (Imaxe Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Goretti Sanmartín en casa de María e Quique (Imaxe: Nós Diario)

María e Quique, nai e pai de dúas fillas de tres e sete anos, convidaron esta cuarta feira, 3 de xuño,á súa morada a portavoz nacional do BNG e candidata a presidir a Xunta, Ana Pontón. Falaron das dificultades "para conciliar en tempos de coronavirus", trabas que o BNG sinala que partillan "milleiros de fogares, con nais e pais obrigados a facer malabarismos para non perder o emprego que precisan para vivir e, ao tempo, atender as crianzas cando os centros escolares e as infantís non abrirán até setembro".

A ese respecto, Pontón sinalou que “tres meses despois do feche dos centros educativos e infantís, o presidente da Xunta non achegou ningunha solución ás nais e pais. Todo o que fixo foi un anuncio de rolda de prensa, en que falou dunha subvención sen concretar máis aló do titular, que ademais non resolve o problema”, explicou Pontón. A líder nacionalista recalou que as familias necesitan unha solución "urxente" que permita "conciliar e manter os postos de traballo, porque ninguén pode renunciar a un salario cando temos enriba unha crise sen precedentes”. 

Nese sentido, o BNG propón pór en marcha un servizo público de canguros que permita ás familias dispor dunha persoa que atenda as crianzas con garantías mentres traballan, até que en setembro reabran os centros escolares e infantís. Ese servizo, dixo Pontón, xestionaríao a Xunta, a modo de bolsa de contratación de coidadoras e coidadores, e a el poderían acceder familias, actuando a Administración como intermediaria. O custo sería a cota que se paga pola escola infantil e o resto iría con cargo á Xunta. 

A líder nacionalista tamén puxo sobre a mesa as propostas do Bloque en materia de conciliación máis aló da situación de urxencia creada por mor da COVID-19: redución da xornada laboral a 35 horas semanais sen perder salario, escolas infantís gratuítas para 100% da poboación, posta en marcha dun plan de Igualdade para o persoal público, unha lei de Igualdade do século XXI e elaborar un plan de dignificación e para a visibilización dos coidados.

Comentarios