BNG propón a Sánchez ‘blindar’ Galiza para “evitar a extensión” do coronavirus

O deputado no Congreso Néstor Rego trasladou por videoconferencia ao presidente español as propostas do Bloque para esta crise e mostrou a "plena disposición" da formación a colaborar.

Rego videoconferencia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que "peche Madrid", que "blinde Galiza", que garanta que non se vulneran os dereitos das e dos traballadores, así como que habilite medidas de protección social.

Nésto Rego conversou na tarde desta segunda feira con Pedro Sánchez, a través dunha videoconferencia, na que lle trasladou as medidas que propón o BNG para frear a crise do Covid-19 e tamén para atallar as consecuencias sociais e económicas que pode provocar.

O parlamentar do BNG, que lembra a experiencia de países como China ou Italia, defendeu que para a contención "é fundamental illar os principais focos de contaxio". Por iso, entende que aínda é necesario pechar Madrid, comunidade que aglutina máis do 45% dos casos positivos de coronavirus en todo o Estado.

Ao mesmo tempo, avogou por "blindar" Galiza para evitar novos contaxios chegados do exterior como os que xa están documentados.

En canto á xestión da crise, o BNG sinala tivera preferido a opción de apoiar os esforzos dos gobernos que xa estaban a actuar de forma contundente no canto da "centralización absoluta" na toma de decisións pola que optou o goberno español.

Con todo, "desde a responsabilidade de considerar que agora o fundamental é frear a pandemia", o deputado nacionalista manifestou a "plena disposición do BNG" a colaborar en todas as medidas que vaian nesa dirección.

No referente ás medidas socioeconómicas trasladoulle ao presidente do Goberno a necesidade de garantir que non se vulneran os dereitos dos traballadores e traballadoras como resultado desta crise, "empezando por vixilancia para evitar que as empresas utilicen a situación social actual para Es ou ERTEs inxustificados".

Así mesmo, instou ao Executivo estatal a aprobar medidas de protección social que compensen as consecuencias negativas que pode levar o cesamento de actividades económicas. Entre elas, garantir que nos casos de paso ao desemprego, non compute o tempo de excepcionalidade, que se garanta unha remuneración equivalente á que se tiña ou que sexan condonados --con cargo á débeda dos bancos en relación ao rescate bancario-- polo menos tres meses de cotas das hipotecas. O mesmo no caso dos alugueres e apoio económico para facer fronte a servizos esenciais como auga ou luz.

No caso das persoas autónomas, o BNG pide a condonación da cota durante tres meses para, máis aló das medidas de apoio económico, facer fronte ao gran impacto que a crise do coronavirus ten na economía.

Por último, propuxo a creación dun fondo de continxencia económica suficiente para afrontar medidas excepcionais e a eliminación dos obxectivos de déficit e estabilidade así como das limitacións á contratación de persoal por parte das administracións públicas.

Comentarios