BNG propón referendos populares e organiza unha consulta simbólica sobre o cobro do IBI á Igrexa

Consultar as cidadás e os cidadáns antes de tomar decisións relevantes. Esa proposta nuclea a aposta do BNG na democracia participativa nestas municipais 2015. O Bloque propón referendos populares e Santiago viviu esta terza feira un ensaio simbólico.

Referendo popular BNG municipais 2015
photo_camera Foto: BNG


Debe pagar o IBI a Igrexa católica polos imóbeis dos que é titular? A cidadanía debería tomar a palabra e decidir cuestións deste teor, a xuízo do BNG. A organización frentista organizou esta terza feira, en Santiago de Compostela, unha consulta simbólica popular sobre esta cuestión, face a hospedaria de San Martiño Pinario.

“Ten que mandar a cidadanía, a orden ten que vir de abaixo arriba e non ao revés. Hai que romper esa cadea de mando vertical que converte os concellos en estruturas ao servizo do poder central e dos poderes económicos. Iso garántase con máis transparencia, participación cidadá e con máis protagonismo no proceso de toma de decisións”, dixo aos meios o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.

Para Vence, nas municipais confrontan dous modelos antitéticos. O do PP, obsesionado por conquistar maiorías absolutas para impor o que cualifica de políticas antisociais. E o do BNG, que claramente aposta na participación do pobo na toma de decisións dos concellos.

Cela estimou en 200.000 euros anuais os que o concello deixa de receber o ano ao estar a Igrexa exenta do pagamento do IBI

“Feijóo clama por ter maiorías absolutas precisamente para impoñer decisións verticais de arriba abaixo e garantir que os concellos do PP sexan absolutamente obedientes”, advertía Vence. Obedientes aos poderes económicos e obedientes a Madrid.

Vence e alcaldábeis

Non só votou Vence na consulta simbólica: tamén emitiron o seu sufraxio os alcaldábeis nacionalistas por Santiago, Rubén Cela; Vigo, Serafín Otero; Lugo, Rubén Arroxo; e Ourense, Susana García, canda militantes e simpatizantes da formación nacionalista.

O referendo era simbólico, mais de se levar á práctica tería consecuencias nada desprezábeis para as arcas municipais. Rubén Cela estimou en 200.000 euros anuais os que o concello deixa de receber o ano ao estar a Igrexa exenta do pagamento do IBI.

Aliás, Cela esclareceu cales son os contidos da proposta do BNG. O Bloque quer que a Igrexa pague o IBI por aquelas propriedades das que é titular e que non son empregues para o culto ou carecen de función social. “Non pedimos que a Catedral nin os bens de culto paguen o IBI, nin os colexios, nin a Cociña Económica nin o Albergue; reclamamos que as leiras, prazas de garaxe, pisos, establecementos hostaleiros [que son da Igrexa] paguen os impostos que lles corresponden”, acrecentou.

Comentarios